7 de out. de 2021

DEPORTES

Narón acollerá a medio centenar de persoas no XI Campionato de Tenis de Mesa pola saúde mental 

No torneo, organizado pola asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, participarán 30 xogadores procedentes de toda Galicia e celebrarase o 8 de outubro no Pavillón Campo da Serra. 

O obxectivo do encontro é promover a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e fomentar a práctica de ocio normalizado. 

 


Ana Escrigas Rodríguez / Narón

 A asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, en colaboración coa federación Saúde Mental FEAFES Galicia, celebrará o vindeiro venres 8 de outubro o XI Campionato de Tenis de Mesa para persoas con problemas de saúde mental, coincidindo cos actos do Día Mundial da Saúde Mental, que este ano ten por lema: “A saúde mental: un dereito necesario. Mañá poder ser ti”. Trátase dun encontro lúdico e deportivo no que participarán catro asociacións galegas. 

 


 O torneo terá lugar no Pavillón Campo da Serra (Santa Cecilia, Narón) dende as 10:00, hora á que comezarán a chegar os xogadores, ata as 14:00, hora prevista de remate. Durante este tempo, desenvolveranse unha serie de partidos individuais nos que se enfrontarán 30 participantes. Tras a celebración do campionato, terá lugar a entrega de premios. 

 As persoas que participarán no torneo proveñen de distintos lugares da xeografía galega e pertencen a catro asociacións de Saúde Mental FEAFES Galicia: Alba (Pontevedra), Doa (Vigo e Cangas), Lenda (Redondela) e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal (Narón).  

 O Campionato de Tenis de Mesa ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través deste torneo, Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal amosa á sociedade a imaxe máis positiva da saúde mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a esta realidade. 

 As actividades de ocio e deportes que organizan Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, pois os seus participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro aos familiares na súa tarefa de coidadores.  

Saúde mental Ferrol, Eume e Ortegal 

 Naceu en 1995 impulsada por un grupo de persoas que decidiron formar una asociación para promover o benestar das persoas con problemas de saúde mental na área sanitaria de Ferrol, contando para iso coa colaboración de varios profesionais deste ámbito. 

 Actualmente, conta con dous Centros de Rehabilitación Psicosocial (en Narón e en Cerdido), un Centro Ocupacional e varios pisos protexidos. Nestes dispositivos desenvólvense actividades que promoven a saúde e o benestar das persoas con problemas de saúde mental, a súa recuperación psicosocial e laboral, a integración dos usuarios no seu entorno e o apoio aos familiares e achegados mediante axuda mutua, xestión de recursos e soporte social. 

Saúde Mental FEAFES Galicia 

 A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con problemas de saúde mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que teñen problemas de saúde mental e a dos seus familiares.  

 O ámbito de actuación de Saúde Mental FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 12 asociacións que posúen centros e servizos en preto de 30 localidades galegas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario