O Concello de A Guarda mellora e rehabilita elementos patrimoniais da vila
• A fonte lavadoiro de Sixolla, parte da antiga muralla medieval ou a recuperación da pía do As de Copas, son algúns dos elementos onde se realizaron tarefas de conservación.
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda, a través da Concellería de Patrimonio, vén de rematar varios traballos realizados este ano para a mellora e rehabilitación de diferentes elementos patrimoniais existentes no noso municipio.
Neste senso realizáronse diferentes tarefas na fonte lavadoiro de Sixolla, nunha parte da antiga muralla medieval, e na recuperación da pía da fonte do As de Copas.
Fonte lavadoiro de Sixolla
O Concello de A Guarda acometeu este ano traballos de rehabilitación e sinalización da fonte lavadoiro da Sixolla para contribuír deste xeito á conservación e posta en valor do patrimonio etnográfico existente na vila.
As actuacións levadas a cabo na fonte lavadoiro de Sixolla, pasaron por unha limpeza do conxunto, mediante máquina de auga a presión, cun mimo especial nos elementos de cantería, nos cales a limpeza realizouse dun xeito manual.
Para os elementos de madeira se procedeu á limpeza con maquinaria a presión, e acabado con produtos para protección e tratamento de madeira.
A obra de conservación da fonte lavadoiro de Sixolla fíxose cunha subvención da Deputación de Pontevedra e para este ano 2021 o concello ten previsto solicitar unha subvención para a rehabilitación da fonte lavadoiro da Piollosa, no barrio da Silveira (O Castro).
Muralla Medieval
O tramo da muralla medieval sito entre a Praza de Juan Bautista Alonso Español - tamén coñecida popularmente como Praza do Monte Real - ou na Rúa Ireira ao pé do trazado do Camiño Portugués da Costa foi onde realizáronse labores de limpeza da antiga fortificación.
"A vila de A Guarda coincidindo co pulo do comercio no século XIII da Europa atlántica sofre un incremento poboacional e os seus habitantes para defenderse de ataques levantan murallas. O recinto amurallado derruído cara ao 1622 conserva dous tramos, un na rúa do Muro e outro na rúa da Ireira. A cidade amurallada estaba dividida en dous sectores pola rúa do medio, a actual rúa Colón, no comezo e no final desta estaban as únicas portas de acceso á vila", indican desde o equipo de goberno local.
Estes labores de limpeza e conservación realizáronse de maneira manual para evitar danar a pedra, contando coa pertinente autorización de Patrimonio da Xunta de Galicia. Estas obras de limpeza acometéronse con recursos propios do concello de A Guarda.
Pía do As de Copas
Arrancando o verán de 2021, se tivo coñecemento dun ataque contra o patrimonio da vila de A Guarda, consistente no roubo da pía da Fonte do As de Copas sita na Praza de Avelino Vicente González, uns feitos que consternaron a moitos veciños da Guarda e que dende o consistorio se tachou coma "un acto vandálico sen precedentes".
Foi neste momento cando dende a Concellería de Patrimonio se decide recuperar esta pía, facendo unha análise de arquivos fotográficos deste elemento que, coa axuda dunha empresa de cantería local, se logrou realizar una nova pía coas mesmas características da roubada, que foi colocada finalmente no seu sitio fai unas semanas. Estas obras acometéronse con recursos propios do concello de A Guarda.
Con estas intervencións o Concello de A Guarda pretende valorizar a riqueza patrimonial do noso territorio mediante a súa conservación e mellora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario