Orpagu e Concello de A Guarda acordan un Plan de Formación aberto para futuros empregos na planta de Tui
● Esta iniciativa referenda o compromiso da Organización de Palangreiros Guardeses coa súa localidade, promovendo a formación específica necesaria para xerar emprego estable e de calidade.
● Cun investimento de máis de seis millóns de euros, a planta frigorífica é o proxecto máis ambicioso de Orpagu e responde á vontade dos seus socios de potenciar e diversificar a súa actividade.
● A planta frigorífica e centro de I+D, que estará plenamente operativa en 2022, creará ao redor de 30 postos de traballo na comarca.
De esq. á der.: Antonio Lomba, alcalde de A Guarda; Joaquín Cadilla e Juana Parada, presidente e directora xerente da Organización de Palangreiros Guardeses, no encontro celebrado esta mañá no Concello guardés
Informa (fotografía e redación): Mar Bermúdez / A Guarda
O presidente e a directora xerente da Organización de Palangreiros Guardeses, Joaquín Cadilla e Juana Parada, mantiveron esta mañá un encontro co alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, para establecer as bases dun inminente convenio de colaboración que permita desenvolver un Plan Formativo Específico, aberto a todas e todos os guardeses, en áreas de Loxística, Calidade e Seguridade Alimentaria e Manipulación e Procesado de Produtos da Pesca.
Destes cursos sairán os futuros traballadores da planta frigorífica que Orpagu está a construír en Tui, que estará plenamente operativa en 2022 e que na súa fase inicial creará ao redor de 30 postos de traballo. Os rexistrados nos cursos de formación que queden fora dos postos ofertados por Orpagu gozarán desa formación gratuíta, que lles permitirá acceder a empregos noutras empresas do ramo, cuxa demanda de traballadores aumentou nos últimos anos.
Coa reunión desta mañá dáse o primeiro paso ao compromiso da Organización de Palangreiros Guardeses e do alcalde de A Guarda, tras o anuncio de Orpagu da creación da súa planta frigorífica e de I+D, de facilitar todo o proceso para fomentar o emprego na localidade. Despois desta primeira fase do convenio. Haberá unha segunda fase en forma de bolsa de emprego, da que tamén se fará eco o Concello guardés.
A nova planta, infraestrutura necesaria para seguir crecendo
Cun investimento de seis millóns de euros, a planta e centro de I+D situarase no parque empresarial de Areas, que conta cunha estratéxica situación polo seu acceso directo á A55 e á Vía Tui-A Guarda. A nave albergará un almacén frigorífico con capacidade para 3.000 toneladas de peixe e unha aula de experimentación para traballar en novos produtos e formatos coa intención de chegar ao maior número de consumidores posible. Desde Orpagu, prevén xerar máis de 30 postos de traballo directos no Baixo Miño cando a planta estea a pleno rendemento, o que se estima que suceda no último trimestre de 2022.
Éxito da Marca Orpagu, da Guarda a Estados Unidos
A Organización de Palangreiros Guardeses involucrouse hai anos na comercialización dos seus produtos, así como nos seus procesos de transformación e a súa comercialización directa ao consumidor. O éxito da súa tenda e da venda en liña e a boa acollida das novas presentacións de peixe espada e atún contribuíron a fortalecer a presenza da marca destes armadores tanto en España como no exterior (Estados Unidos, Reino Unido, Suíza, Dinamarca, Holanda, Portugal e Alemaña, entre outros).
A iniciativa de Orpagu, que conta con financiamento europeo e do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, responde fielmente aos principais obxectivos que rexen o FEMP (Fondo Europeo Marítimo e de Pesca): axuda aos pescadores na transición á pesca sostible; colaboración coas comunidades costeiras para diversificar as súas economías; e apoio a proxectos que cren emprego e melloren a calidade de vida da poboación no litoral.
Ningún comentario:
Publicar un comentario