16 de out. de 2021

A GUARDA

CULTURMAR PRESENTOU O ÚLTIMO NÚMERO DA NOVA ARDENTÍA

O evento tivo lugar no salón de plenos da Casa do Concello de A Guarda


Na 1ª foto están, de esq. á der.; Manuel Lara,  Helena Pousa e Emilio Xosé Ínsua. E nas seguintes, podemos ollar o aspecto que tiña o salón de plenos do Concello de A Guarda durante á presentación da revista Nova Ardentía
Fotos: Santiago Baz Lomba

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Na noitiña deste venres día 15 de outubro, o salón de plenos da Casa do Concello acolleu a presentación do último número  - polo de agora - da Nova Ardentía, Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial, que atinxe a súa decimoterceira edición baixo a lenda “Capeando o temporal pandémico”.

 O acto contou coa participación de Helena Pousa, Manuel Lara e Emilio Xosé Ínsua. 

 No que respecta a asistencia, o evento contou coa presenza de Antonio Lomba Baz, alcalde do Concello de A Guarda; membros da Corporacíón Municipal; Joaquín Cadilla Castro, presidente da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, acompañado de membros desta entidade; veciñas/os de A Guarda, O Rosal, Goián,...

 Abriu o turno de intervención de Helena Pousa Ortega, que fixo unha exposición sobre o carocho, embarcación tradicional - en serio trance de desaparición -. característica do tramo final do río Miño. Debido o seu paulatino retroceso en canto ao número de unidades que ainda faenan na devandita área fluvial galaico-minhota; na súa disertación a profesora xubilada e investigadora goianesa lanzou a proposta de recuperar o carocho a fin de que poida continuar subsistindo ao longo dos tempos. Con todo, o reto é ambicioso tendo en conta a irrupción xeralizada - tamén nesta zona transfronteiriza -, doutro tipo de embarcacións.

 Pousa Ortega relembrou o libro Pescadores del río Miño (tramo gallego-portugués), do etnógrafo Eliseo Alonso Rodríguez, no cal figuran as características do carocho, o "barco" - como adoitan chamarlle os pescadores ribeiraos - característico do Baixo Miño.

 A continuación fixo uso da palabra o Dr. Manuel Lara Coira, profesor contratado na Universidade de A Coruña e investigador etnográfico, quen bosquexou algunhas das liñas de traballo nas que está ocupado (pías salineiras, comboas (sic),...) cuxas conclusións publicará en vindeiros números da revista Nova Ardentía.

 Por último, interviu Emilio Xosé Ínsua López, doutor en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela; profesor de Lingua e Literatura no IES A Basella, de Vilanova de Arousa; membro do Grupo Etnográfico Mascato e coordinador da revista Nova Ardentía.

 Emilio Ínsua, como é coñecido popularmente, expuxo un compendio de información sobor da que poderíamos definir como primeira época da revista Ardentía - súa denominación primixenia -, indicando as características principais da publicación e seus obxectivos, así como súa difusión e financiación. Salientou o labor do escritor grovense Luis Rei Núñez, anterior coordinador da revista e un dos grandes activistas para o “rescate, reivindicación e divulgación da cultura dos nosos mares e ríos e para a dignificación das xentes que neles traballan”, como oportunamente definiuno Culturmar.

 Emilio Ínsua mencionou tamén o nº 11 de Nova Ardentía, publicado con motivo do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que tivo lugar no porto de A Guarda, do 11 ao 14 de xullo de 2019, evento que resultou todo un éxito.

 Ademáis dunhas pinceladas relativas á loxística da distribución da publicación, de xeito que chegue ao maior número posible de puntos de venda, Emilio Ínsua referiuse tamén aos criterios que debe cumplir como órgano de divulgación do patrimonio etnográfico fluvial e marítimo de Galicia e Norte de Portugal.

 Na súa ampla intervención afirmou que entre os fins de Culturmar (Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial) non está a musealización do patrimonio naval, senón súa presenza activa no mar e nos ríos. De tal xeito, que sexan as mulleres e homes relacionados coas actividades vencelladas a eses medios, os que protagonicen as súas propias historias, como sinais identitarias. tendo moi claro quen somos, de onde vimos e a onde imos. E dese xeito, arrumbar vellos complexos que hoxe, máis que nunca, están fora de lugar. 

 Ínsua tivo tamén unhas verbas de apoio para os compoñentes da Asociación Piueiro, polo seu labor de recuperación do volanteiro guardés, embarcación tradicional que levaba máis dun século desaparecida e da que tan soio quedaban as referencias orais dos netos daqueles mariñeiros  de outrora que tripularon esas naves e vellas fotografías do século XIX.

 Nun breve coloquio aberto por Ínsua, interviu Joaquín Cadilla Castro, presidente de Piueiro, para manifestar súa coincidencia cos criterios que viña de expór Emilio Ínsua. Ao mesmo tempo, referiu que recentemente os "arqueólogos" de Piueiro, recuperaron unha pía da casca que no intre oportuno será exposta ao público.

 Logo de dar por rematada á presentación, Emilio Ínsua fixo entrega de varios exemplares de Nova Ardentía as persoas que se interesaron para levar a revista para seus fogares.

 Desde Infogauda agradecemos a participación nese acto, de Helena Pousa, Manuel Lara e Emilio Xosé Ínsua, así como o esforzo de cada un deles, por haberse desprazado ata á vila de A Guarda para compartir seus coñecementos, súas inquedanzas relativas ao patrimonio etnográfico fluvial e marítimo, e seu prezado tempo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario