22 de set. de 2021

TUI

A subdelegada do Goberno e o alcalde de Tui copresidiron a Xunta Local de Seguridade  

Garda Civil e Policía Local reforzarán o control do ocio nocturno en Tui para evitar as concentracións que se forman no casco vello tras o peche dos locais   

Maica Larriba fixo un chamamento para que estas actitudes se reconsideren e para que se respecten as actuacións das autoridades “que só traballan para garantir o dereito ao descanso da cidadanía e para que se cumpran as medidas vixentes fronte a covid” 


A subdelegada do Goberno e o alcalde de Tui copresidiron a Xunta Local de Seguridade
Foto: S. de G.

Infogauda / Tui 

 A subdelegada de  Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe xunto ao alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a Xunta Local de Seguridade Extraordinaria deste municipio. Na reunión tamén estiveron presentes o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, e o xefe da Policía Local, entre outros mandos.  

 O alcalde tiña solicitada a celebración desta Xunta Local de Seguridade Extraordinaria debido aos problemas que se están producindo nas fins de semana, principalmente na zona monumental, debidos ás concentracións de xente nas rúas unha vez que pechan os locais de ocio nocturno. Estes acontecementos motivaron que por parte da Garda Civil se aposte por establecer operativos conxuntos coa Policía Local dirixidos a erradicar esta situación e a garantir que tras o peche dos locais a xente non permaneza nas rúas do casco histórico.  

 Porén, durante a reunión acordouse a posta en marcha de diferentes dispositivos de coordinación e colaboración para afrontar os problemas derivados do ocio nocturno con patrullas conxuntas da Garda Civil e da Policía Local, que velarán polo cumprimento das restricións horarias e das medidas sanitarias vixentes.  

 Ademais destes operativos no casco urbano, a Garda Civil de Tráfico levará a cabo durante as fins de semana na localidade amplos dispositivos de control de drogas e alcohol para evitar a condución baixo os seus efectos.

 Maica Larriba fixo fincapé en que a colaboración da Subdelegación para resolver esta situación “vai ser total” e por iso adiantou que se mobilizarán non só os efectivos dos Corpos de Seguridade do Estado da zona, senón tamén ás unidades de reserva necesarias.  

 A subdelegada sinalou que “Tui é unha vila segura entre os concellos da provincia malia estar sufrindo un problema puntual derivado do ocio nocturno que afecta á convivencia e á seguridade veciñal e que trataremos de solucionar mediante os compromisos e acordos alcanzados hoxe”.  

 Larriba fixo un chamamento para que estas actitudes se reconsideren e para que se respecten as actuacións da Garda Civil e da Policía Local “que só traballan para garantir o dereito ao descanso da cidadanía e para que se cumpran as medidas fronte a covid”.  

 Polo seu lado, o alcalde de Tui explicou que a celebración de botellóns na rúa máis aló do horario establecido para o peche do ocio nocturno, “ademais de causar molestias entre a veciñanza e aumentar os riscos sanitarios está provocando un aumento importante dos estragos no mobiliario público”. O rexedor lembrou que o consumo de alcohol na vía pública está prohibido e que permanecen vixentes outro tipo de limitacións por mor da pandemia, motivo polo que apelou á responsabilidade colectiva para erradicar estas situacións. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario