22 de set. de 2021

TOMIÑO

Tomiño inaugurará este sábado un dos maiores parques de patinaxe da provincia  

O acto será aberto ao público e haberá unha exhibición das diferentes modalidades, como BMX, Skateboard, Scooter ou Roller   




Infogauda / Tomiño

 Este sábado día 25 de setembro, terá lugar a inauguración da nova área de espazos deportivos situada na Alameda de Goián, que estará composta por unha pista de patinaxe e unha pista polideportiva. O novo espazo está encadrado dentro do proxecto “Máis Goián”, un proxecto integral de reforma urbana que procura conectar todos os equipamentos públicos da vila a través da mobilidade peonil, e virá a complementar outros equipamentos deportivos situados na área como o campo de Fútbol do Regatiño ou o pavillón de Goián.  


Plano da pista de patinaxe da Alameda de Goián
Fonte: C.T.

 O acto será aberto ao público, comezará ás 13:00 e contará coa intervención de Uxío Benítez, 1º tenente alcalde e deputado provincial de Mobilidade e Espazo Público; Teo López, representante do colectivo local OG Rippers; Sandra González, alcaldesa de Tomiño e Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra. Ao remate da presentación haberá unha exhibición das diferentes modalidades que poderán practicarse na pista, tales como BMX, Skateboard, Scooter ou Roller. Pola tarde, a partir das 15:00 horas, o colectivo local OG Rippers organizará tamén dúas competicións de skateboard, unha para menores de 14 anos e outra para adultos, na que é posible inscribirse a través dun formulario dispoñible na súa páxina de Facebook.  

 O ámbito da intervención, financiada a través do Plan Concellos 2020, abarca uns 4.000 metros cadrados, dos cales preto de 1.400 corresponden a pista de patinaxe, converténdoo nun dos maiores da provincia. No seu deseño contouse co asesoramento de expertos nestes deportes, participando no seu deseño un dos técnicos organizadores do recoñecido evento de cultura urbana e deportes extremos “O Marisquiño”, ademais de ser fundamental en todo o proceso a participación da mocidade do municipio que practica algunha destas modalidades. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario