20 de set. de 2021

TOMIÑO

Tomiño vai participar na XIV limpeza simultánea de ríos  

A actividade desenvolverase o vindeiro domingo 26 de setembro e será preciso inscribirse  




Infogauda / Tomiño

 Un ano máis o Concello de Tomiño súmase á participación na limpeza simultánea de ríos ao abeiro do Proxecto Ríos, unha xornada na que as persoas voluntarias se achegan ás beiras dos seus ríos próximos para recoller o lixo que atenta contra a riqueza dos nosos ecosistemas fluviais.  

 A actividade, que terá lugar o vindeiro domingo 26 de setembro, iniciou a súa andaina no ano 2008 para chegar este ano á súa décimo cuarta edición, na que participan máis de 65 entidades entre concellos, asociacións, colectivos ecoloxistas e centros de ensino. En Tomiño a actividade está coordinada desde a Concellería de Medio Ambiente e a Oficina Municipal de Información Xuvenil. A hora de encontro será as 10:00 horas da mañá e o río e os tramos que se limparán serán acordados coas persoas voluntarias en función da súa parroquia de procedencia. As persoas voluntarias serán agasalladas cunhas camisolas do proxecto. Para participar como voluntario/a na xornada, que se desenvolverá o vindeiro domingo 26 de setembro, é preciso inscribirse chamando ao teléfono 986 622 001 ou enviando un correo a tecnica.medioambiente@tomino.gal.   

 Respectaranse tamén as indicacións pertinentes en relación á situación de pandemia provocada pola COVID-19 dependendo da situación sanitaria de cada zona. Dende o Proxecto Ríos recoméndase que  os grupos sexan de 10 persoas como máximo e se respecte sempre que sexa posible unha distancia de 1,5 m. O uso de máscara será de obrigatorio para todas as persoas participantes. Co fin de evitar unha maior xeración de lixo, desde a organización solicitan que cada persoa voluntaria traia as súas propias luvas.   

Proxecto Ríos 

 O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario