20 de set. de 2021

O ROSAL

O Rosal xa presume do seu Ecoparque O Campo Novo, en Viso dos Eidos   

Cerca de 200 veciños e veciñas inauguraron o novo espazo paisaxístico, mención de honra no prestixioso premio de arquitectura Simonetta Bastelli   


A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, aproveitou o acto de inauguración para “dar os parabéns e as grazas a arquitecta polo seu gran traballo”. 
Fotos: C.O. R. 


Infogauda / O Rosal

 Os veciños e veciñas do Rosal xa poden presumir do Ecoparque O Campo Novo, en Viso dos Eidos. Cerca de 200 persoas asistiron á inauguración dun espazo cun gran valor patrimonial e etnográfico que integra, ademais de áreas para o lecer e a convivencia para todas as idades, unha antiga mina de auga restaurada e un lavadoiro. O Ecoparque érguese nunha contorna estratéxica á nivel paisaxística, xa que está ao lado do río Padín e próximo aos muíños do Folón e o Picón, polo que se converterá nunha parada obrigatoria nos paseos da veciñanza.  

 A inauguración do Ecoparque veu acompañada tamén do seu primeiro gran recoñecemento. O espazo recibiu a mención de honra nos prestixiosos premios de arquitectura Simonetta Bastelli. O xurado recoñeceu o gran labor da arquitecta e paisaxista María Fandiño para crear un espazo no que a arquitectura se mimetiza dunha maneira sostible e eficaz co patrimonio natural e etnográfico de Viso dos Eidos. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, aproveitou o acto de inauguración para “dar os parabéns e as grazas a arquitecta polo seu gran traballo”.  


A Banda da Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal ofreceu un fermoso concerto inaugural

 A rexedora mostrouse “moi feliz” polo remate dun proxecto que se alongou dous anos e que comezou cun proceso participativo aberto a toda a veciñanza. “Coma sempre escoitamos as suxestións e peticións dos veciños e veciñas para crear un espazo ao gusto da veciñanza”, e que cristalizou “neste Ecoparque de uso polivalente para todas idades”, destacou a rexedora. Os nenos e nenas teñen diversos xogos de madeira, hai varias mesas para o desfrute das familias, diversos recunchos onde convivir, falar, ler, xogar… ademais de dous biosaudables a petición das veciñas da contorna. A entrada ao Ecoparque tamén conta cun espazo asfaltado que se pode adicar a varios usos, dende aparcamento ata escenario musical, como foi onte, co “fermoso concerto inaugural” que ofreceu a Banda da Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal “á que lle estamos moi agradecidos e agradecidas por participar”, afirmou a alcaldesa.  

 O proxecto contou cun investimento de 93.000 euros cofinanciados con fondos propios municipais e con fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, e recibe o nome de Campo Novo, xa que se ergue nunha parcela que antigamente estaba adicada a uso agrario. “O espazo é agora un campo novo e moderno para o lecer e o desfrute da nosa natureza e patrimonio”, conclúe a alcaldesa. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario