22 de set. de 2021

O ROSAL

A Biblioteca Municipal do Rosal da voz aos ‘Contos de nenas grandes e pequenas’  

Actuación de Tropa de Trapo este venres 24 ás 19 h con entrada de balde  

 


 

Infogauda / O Rosal

 Os contacontos no Rosal esta semana teñen voz feminina coa actuación de Tropa de Trapo, que traen o seu ‘Contos de nenas grandes e pequenas’ ao xardín da Biblioteca Municipal, catro historias que teñen moito que dicir, cun trasfondo social e música con todo tipo de instrumentos e obxectos. Será este venres 24 de setembro a partir das 19.00 horas con entrada de balde. En caso de choiva a actuación trasladarase á Liga de Amigos.  

 Con esta obra, Tropa de Trapo conta historias de mulleres, de guerreiras, de princesas,..., todas moi diferentes e con voz propia. Nenas que comparten, que vencen os seus medos ou os medos da xente, capaces de aventuras como ir a polo lume ou subir ao monte máis alto a falar cun monstro. Nenas que tamén lle teñen medo á tormenta ou que xogan á pelota, pero de nenas, ao fin e ao cabo.  

 O Concello do Rosal organiza esta actividade ao abeiro do ‘Ler conta moito’, un programa de dinamización da lectura que busca achegar á veciñanza a lectura e a información dun xeito lúdico e atraínte a través dos centros que pertencen á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario