7 de set. de 2021

OIA

Este domingo día 12 de setembro, cita co Festival do Rei Sol

No Cano dos Mouros (Viladesuso) 

 



Infogauda / Oia

 O Festival do Rei Sol volve este ano ao máxico lugar do Cano dos Mouros (Viladesuso) coas súas propostas culturais arredor do patrimonio, a música, a narración oral e o teatro. Durante toda a xornada deste domingo, 12 de setembro, poderase gozar de variadas actividades, tales como sendeirismo, visitas guiadas, contacontos, teatro e actuacións musicais.  

 A edición do Festival do Rei Sol de 2021 está organizada pola Asociación de Veciños de San Miguel de Viladesuso e máis a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Viladesuso. Ademais, conta coa colaboración do Concello de Oia e da Deputación de Pontevedra, a través de Pontegal.  

 As actividades comezarán ás 10.00 horas cunha andaina guiada, a cal sairá do eirado de Viladesuso e terá unha lonxitude de 6 km (hora de finalización aproximada: 13.00h.). O itinerario incluirá unha parada con refrixerio amenizada pola agrupación musical “A Fiada de Viladesuso”.  

 Xa pola tarde, ás 17.00 horas no castro do Cano dos Mouros haberá unha visita guiada e ás 17.30 terá lugar a actuación de contacontos infantís de “Codia e Miolo”. O teatro chegará ás 19.00 horas cunha representación a cargo do grupo local “O mellor de cada casa” e, finalmente, o peche da xornada festiva contará coa música de “Tra-lo Mosteiro” ás 20.00 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario