23 de set. de 2021

OIA

O PROXECTO RÍOS COORDINA A XIV LIMPEZA SIMULTÁNEA DE RÍOS EN 51 CONCELLOS DE TODA GALIZA  

No concello de Oia realizará a coordinación da limpeza a Asociación Forestal e de Educación Ambiental “A Jalleira” 


A Jalleira / Oia

 A XIV Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” se celebrará este ano en 51 concellos de toda Galiza, e participarán máis de 65 entidades (asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas, centros de ensino…). Algúns destes grupos xa participaron nas limpezas de anos pasados, tamén hai novas entidades que se sumaron por primeira vez a esta duodécima edición. A limpeza que será o 26 de setembro e mobilizará a numerosos voluntarios e voluntarias que se desprazarán aos ríos destes 51 concellos para deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social.  

 No concello de Oia realizará a coordinación da limpeza a Asociación Forestal e de Educación Ambiental “A Jalleira”. O tramo da limpeza sitúase no río Carballas ao seu paso pola parroquia de Loureza, Oia. O punto de encontro será o terreiro da festa de Loureza (a carón do Bar Puente) as 10:00h.  

 Os/as voluntarios/as serán agasallados cunhas camisolas co lema da limpeza. Actualizouse a páxina web para a limpeza http://proxectorios.org/limpeza/  onde se especifica que é a limpeza, onde se celebrará, os contactos dos/das coordenadores/as, e as entidades participantes e colaboradoras. 

Voluntariado Ambiental: 

 O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.  

 Respectaranse tamén as indicacións pertinentes en relación á situación de pandemia provocada pola COVID-19 dependendo da situación sanitaria de cada zona. Dende o Proxecto Ríos recoméndase que  os grupos sexan de 10 persoas como máximo e se respecte sempre que sexa posible unha distancia de 1,5 m. O uso de máscara será de obrigatorio para todas as persoas participantes. Cada persoa voluntaria deberá levar as súas propias luvas.   

Inscrición e máis información:  ajalleira@gmail.com

Ningún comentario:

Publicar un comentario