3 de set. de 2021

O ROSAL

O Concello recibe ao músico Manuel Fernández Álvarez, veciño do Rosal e músico da Orquestra Sinfónica de Amberes  

A alcaldesa, Ánxela Fernández, deu os parabéns ao artista e fíxolle entrega dunha placa conmemorativa   


En nome do Concello, a alcalde entregoulle ao trompetista unha placa co pictograma da música do Rosal, unha imaxe creada en colaboración co alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier

Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

  O Rosal é canteira de grandes músicos e músicas.  O mes pasado Bélxica coñeceu o talento que agocha o noso concello coas notas da trompeta de Manuel Fernández Álvarez, ou Manolo do Rosal, como lle gusta que lle chamen. O mozo gañou unha praza de trompetista solista pola que competía con 26 músicos de toda Europa, e xa pode dicir con orgullo que é músico da Orquestra Sinfónica de Amberes.  

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, recibiuno hoxe no Concello para darlle os parabéns e entregarlle unha placa conmemorativa. “Estamos moi orgullosos e orgullosas de Manu, un rapaz que demostra que coa música que facemos pódese soñar moi alto sempre con moito traballo, esforzo e perseverancia”. A rexedora destaca tamén que este logro “enche de satisfacción á Agrupación Musical do Rosal, a casa de Manu e onde aprendeu moito do que sabe”.  

 Durante o acto Ánxela Fernández entregoulle ao trompetista unha placa co pictograma da música do Rosal, unha imaxe creada en colaboración co alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier. A rexedora tamén quixo pór en valor durante a recepción a importancia de “crear unha contorna cultural que permita aos pequenos e pequenas, como a Manu, soñar co mundo artístico”. Como demostra Manuel Fernández, con esforzo os soños poden cumprirse. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario