13 de set. de 2021

A GUARDA

A CIG chama a participar na manifestación convocada en  solidariedade coa loita do persoal da fábrica de IKF 

A marcha arrincará este mércores  ás 11:00 horas, dende a sede da empresa nas Cachadas e rematará na Praza Avelino Vicente 



Os traballadores/as de IKF, dedicada á fabricación de materiais refractarios, levan xa 22 xornadas de folga contra as pretensións da compañía francesa de precarizar as condicións laborais

Fotos. CIG

Infogauda / A Guarda

 A CIG fai un chamamento á veciñanza da Guarda a participar na manifestación convocada este mércores día 15 en solidariedade coa loita que mantén o cadro de persoal da empresa IKF contra os intentos da dirección de precarizar as súas condicións laborais. A marcha a pé arrincará dende a sede da compañía nas Cachadas á 11:00 horas e rematará na praza de Avelino Vicente González

 Os traballadores/as de IKF, dedicada á fabricación de materiais refractarios, levan xa 22 xornadas de  folga contra as pretensións da compañía francesa de precarizar as condicións laborais mantendo a  dobre escala salarial e impoñendo a liberalización horaria. A dirección négase a negociar mentres  non se desconvoquen os paros a pesar dos intentos de mediación do AGA.  

 Por iso agora o comité de empresa (4 delegados/as da CIG e 1 de CCOO) vén de convocar unha  manifestación coa que pretende amosarlle á dirección de IKF que as súas reivindicacións contan co  apoio da veciñanza do Baixo Miño. Dende a CIG lembran que se trata dunha loita solidaria na que a  práctica totalidade do cadro de persoal está implicado na defensa das condicións laborais do  conxunto dos traballadores/as a pesar de que a dobre escala salarial que a empresa quere prolongar no tempo non lles afecta a todos/as. 

 O que si lle afecta ao conxunto do persoal é a liberalización horaria, a maior flexibilización da  xornada e o cambio no goce das vacacións que pretende impor IKF no novo pacto laboral. En  consecuencia, os paros -ao igual que a folga indefinida convocada en xullo e que suspenderon no  período vacacional de agosto- están a ter un seguimento practicamente total. De feito, só entran a  traballar dúas persoas das 60 que integran o departamento de fabricación, unha delas o único  representante de CCOO no comité.  

 Dende a CIG-Construción denuncian que “a dirección négase a negociar a pesar dos intentos de  mediación do AGA e esixe a desconvocatoria dos paros para sentarse. A parte social está disposta a  suspender a folga mentres se producen as conversas, pero non a desconvócala”. 

 “A empresa está a  botarnos un pulso, porque nos estamos a xogar os dereitos laborais conquistados durante 30 anos  mediante a negociación colectiva; se gañan estenderán a precariedade, porque o que queren son  salarios máis baixos e liberalizar xornada e horarios; queren ter á xente á súa disposición os sete días da semana”, advirten.

Ningún comentario:

Publicar un comentario