15 de set. de 2021

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA ENCHERÁ ESTE VENRES O TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA COA PRE-ESTREA DO DOCUMENTAL ‘ACORDA’ SOBRE MEMORIA HISTÓRICA    

Ás 20h abrirase a sesión fotográfica e ás 20.30 iniciarase a proxección, á que seguirá un coloquio coa equipa artística e colectivos memorialistas  

Emilio Rúa e Silvia Penide, Ugia Pedreira e Marina Oural, Sheila Patricia, Eladio Santos, Tanxugueiras, Ezetaerre e Uxía e Su Garrido participan na peza audiovisual, cuxo teaser leva xa máis de 30.000 visualizacións en Facebook    

De maneira complementaria estará aberta unha exposición con fotografías de Alba Díaz sobre o ‘como se fixo’ no Arquivo provincial  


Fotograma do documental ‘Acorda. Cartografía Musical da Memoria Histórica de Pontevedra’
Fonte: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación vai encher este venres o Teatro Provincial de Pontevedra coa pre-estrea do documental ‘Acorda. Cartografía Musical da Memoria Histórica de Pontevedra’, unha peza audiovisual que pretende poñer en valor lugares e feitos de memoria na provincia a través da música. O evento está a suscitar un grande interese: nestes momentos xa non quedan localidades e hai lista de agarda para asistir e o crebacabezas da peza audiovisual acumula nas redes sociais máis de 31.000 visualizacións.  

 Os actos relacionados coa pre-estrea do documental comezarán o venres pola mañá coa apertura ao público (ata final de mes en horario de mañá) da exposición de fotografías de Alba Días sobre o ‘como se fixo’ no vestíbulo do Arquivo provincial. Ás 20h do venres será a apertura de portas do Teatro Principal e da sesión fotográfica, para dar lugar ás 20.30h á proxección e a un pequeno coloquio aberto ao público con integrantes da parte artística e de colectivos memorialistas da provincia.  

 A peza documental xurdiu trala idea orixinal do departamento de Memoria provincial dirixido por María Ortega, quen outorgou a dirección artística a Uxía e Marina Carracedo, xunto a Lucas Terceiro na realización, a Lois Pérez  no guión e a Montse Fajardo como asesora de contidos. Inicialmente o plantexamento era vencellar cancións de resistencia ante o franquismo e lugares emblemáticos para a memoria na provincia, pero finalmente engadíuselle un guión de contexto que deu lugar ao documental.  

 No proxecto  participan voces moi diversas como as de Emilio Rúa e Silvia Penide, Ugia Pedreira e Marina Oural, Sheila Patricia, Eladio Santos, Tanxugueiras, Ezetaerre e a propia Uxía e Su Garrido, e un elenco formado por Tero Rodríguez, Andrés Giráldez, e Eduardo R. Cunha (‘Tatán'), entre outros, que en boa parte estarán este venres no Teatro Principal de Pontevedra xunto a testemuñas reais de persoas como Queta Molas ou Blanca Francés. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario