LICITADA A REHABILITACIÓN DA ESCOLA UNITARIA DE PÍAS
Será a primeira dos seis centros educativos do rural nos que o Concello investirá 200 mil euros
Infogauda / O Rosal
O equipo de goberno municipal do Concello do Rosal aposta pola educación de proximidade coa rehabilitación progresiva das súas escolas unitarias. Dese xeito, o concello investirá 200.000 euros en accións de mellora da eficiencia enerxética e do confort para contribuír na conservación destes espazos, e na protección do medio ambiente. O proxecto arrancará coa transformación da escola unitaria de Pías, que foi licitada esta semana en Xunta de Goberno.
A reforma do CRA de Pías transformará o centro en termos de eficiencia enerxética, implementando medidas que axudan a reducir ao mínimo o consumo e mellorando en gran medida o confort interior. A alcaldesa, Ánxela Fernández, explica que para o Concello “as seis escolas unitarias do Rosal son unha prioridade”, que permiten “fomentar unha educación de proximidade e responsabilidade coa nosa contorna entre os nenos e nenas”. Por todo isto, “queremos que sexan espazos modernos e sostibles”, conclúe.
As aulas das escolas en Couso, Fornelos, Marzán, Novas, Paradela e Pías contan nestes intres con 8 unidades de educación infantil e 3 de primaria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario