3 de ago. de 2021

A GUARDA

O desfile de bandas mariñeiras, a subida ao monte, e a tirada de fogos de artificio, cancélanse por mor da situación sanitaria  

Suspéndense as celebracións tradicionais das Festas do Monte Santa Trega, debido á incidencia da crise sanitaria no municipio de A Guarda   

Representantes municipais da Policía Local, da Garda Civil e da Subdelegación do Goberno participaron esta mañá na Xunta Local de Seguridade celebrada co obxectivo de establecer os protocolos de colaboración e seguridade durante a próxima semana festiva. 




Infogauda / A Guarda

 A Subdelegación do Goberno en Pontevedra vén de informar dos criterios de actuación e colaboración entre a Policía Local e a Garda Civil durante as Festas do Monte Santa Trega, de A Guarda, tras a celebración dunha Xunta Local de Seguridade na que participaron representantes da corporación municipal, da policía local, da Garda Civil e da propia Subdelegación do Goberno co obxectivo de establecer os criterios de seguridade durante esta semana festiva.  

 Tal e como xa avanzara o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, a celebración destas festas terá este ano un carácter reducido debido á incidencia da crise sanitaria na localidade, en risco alto segundo as últimas restricións aprobadas pola Xunta de Galicia. Deste xeito, as festas limitáranse a actuacións de animación na rúa e ao peche do centro da vila de 21 h a 01 h, co obxectivo de que a xente poida disfrutar tranquilamente das actividades musicais programadas, así como da hostalaría.  

 O domingo, día da tradicional subida ao Monte Santa Trega, non poderá accederse ao monte, cuxos accesos permanecerán pechados desde a noite do sábado. Así mesmo, queda suspendido o gran desfile de bandas mariñeiras, así como a tirada de fogos pirotécnicos desde o porto.  

 Pola súa banda, Policía Local e Garda Civil prestarán especial atención e vixilancia á posible celebración de botellóns. Para evitar as agrupacións de xente e o consumo de bebidas alcohólicas na vía pública, sinalizaranse e prohibiranse os accesos a aquelas áreas  nas que tradicionalmente adoita concentrarse a mocidade para beber. Ademais, a agrupación de Tráfico da Garda Civil reforzará a vixilancia de consumo de drogas e alcohol ao volante coa realización de controis móbiles. 

 Esta medida ten ademais un obxectivo disuasorio ante a posible chegada de xente doutras zonas para participar nos botellóns. 

 O alcalde incidiu na máxima colaboración ofrecida polas bandas e apelou á responsabilidade individual durante estes días festivos. Os integrantes da Xunta Local de Seguridade fixeron tamén un chamamento á veciñanza para maximizar as medidas de protección fronte ao virus co obxectivo de gozar con seguridade de todos os actos programados. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario