26 de ago. de 2021

A GUARDA

José Manuel Miñones Conde apoia a mellora da mobilidade transfronteiriza entre A Guarda e Caminha 

· O Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico está implicado na protección do litoral de A Guarda, afectado na foz do Miño, pola dinámica do río

· O estudo do campo de concentración de Camposancos conta cunha achega do Goberno de España, para lembrar a historia dos máis de 2.000 presos e 156 executados 

· O delegado do Goberno visitou o lugar onde estivo o campo de concentración de Camposancos e as praias de Armona e O Forte


De esq. á der.: Antonio Lomba, alcalde de A Guarda; José Manuel Miñones, delegado do Goberno en Galicia; e Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra, na Praza da República (A Pasaxe), fronte o antigo colexio dos xesuitas, onde estivo ubicado o campo de concentración e prisión franquista

Foto: Cedida

Infogauda / A Guarda

 Na súa visita de hoxe ao Concello de A Guarda, onde foi recibido na Casa dos Alonso polo alcalde e membros da corporación municipal; o delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones Conde, "apoiou - segundo fixo público o equipo de goberno municipal - a mellora da mobilidade transfronteiriza entre A Guarda e Caminha como conexión costeira entre España e Portugal." Expresouse así tras reunirse co alcalde, Antonio Lomba Baz, acompañado pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba García, e antes de facer un percorrido por diferentes lugares do concello. 

 José Manuel Miñones explicou que a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT), dependente da Deputación de Pontevedra, realizará un estudo sobre as posibilidades de mellora da mobilidade entre as dúas beiras do Miño. “Consideramos que pode ser moi interesante para cohesionar as localidades de Caminha e da Guarda”, destacou. 

 Tanto o delegado do Goberno en Galicia como o alcalde de A Guarda están pendentes da conclusión deste estudo porque consideran que a veciñanza de ambos lados do río ten dereito “a manter unha mobilidade sostible e que ademais favoreza o tránsito do Camiño Portugués pola costa”, abundou. 

 Asemade, José Manuel Miñones detallou que o Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico está implicado na protección litoral de A Guarda, afectado pola dinámica do río Miño na súa foz. De feito, entende que unha das principais problemáticas está vinculada co litoral, no que actúa o Goberno. 

 Un exemplo é a praia da Lamiña, onde Costas do Estado creou un dique de 90 metros de lonxitude, cun investimento de 130.000 euros. O obxectivo é evitar riscos vencellados con indundacións ante a acción do mar. Ademais, A Guarda conta coa protección especial da figura Rede Natura 2000, que garante o coidado nas actuacións. 

CAMPO DE CONCENTRACIÓN DE CAMPOSANCOS

 Como queira que no concello de A Guarda atópase o antigo colexio Apóstol Santiago, propiedade da Compañía de Jesús, onde estivo ubicado o campo de concentración de Camposancos, utilizado durante a Guerra Civil; o programa da xornada de hoxe do delegado do Goberno en Galicia e da subdelegada do Goberno en Pontevedra, incluíu a visita ao predio - que segundo o catastro, consta dunha superficie gráfica, de 14.305 metros cadrados, e a súa vez, unha superficie construída de 3.990 metros cadrados, cuxo uso principal foi o ensino - que foi campo de concentración de A Pasaxe. 

 O devandito enclave - incluído na lista vermella do Patrimonio, polo "Desinterese do titular privado e da Administración Pública pola conservación do inmoble. Unha asociación clamou pola elaboración dun proxecto de rehabilitación, pero sen resultados", - conta cunha achega da Secretaría de Estado de Memoria Democrática, dependente do Goberno central, para apoiar o proxecto para un estudo sobre o campo de concentración  - un dos máis de 300 que houbo durante a guerra civil e anos posteriores - e prisión franquista de Camposancos, coñecido entre os reclusos como "A porta do inferno". Nese terrible lugar, foi onde desde outubro de 1937 ata novembro de 1939, estiveron presos máis de 2.000 homes, moitos deles moi xóvenes, dos cales - segundo refire o historiador Carlos de Miguel Hernández, no seu traballo Los campos de concentración de Franco (Penguin Random House, 2019),  "(...) polo menos 74 reclusos faleceron por golpes ou enfermidades provocadas polo amontoamento e a falta de hixiene e atención médica (...)", e outros 156 foron executados. 

 Na súa estadía na Guarda, ambos os dous representantes do Goberno de España visitaron tamén as praias da Armona e O Forte. Alí acompañados polo alcalde Antonio Lomba, puideron coñecer de primeira man a situación deses espazos naturais, incluidos na Rede Natura 2000.

Ningún comentario:

Publicar un comentario