O Encontro do libro Luso-Galaico da Ribeira do Minho celebrou á súa segunda edición
• A Praça Conselheiro Silva Torres (Caminha) e a Praza de Avelino Vicente (A Guarda) foron os escenarios para un evento que contou con actuacións, relatorios e presentacións a ámbolos dous lados da ´raia´
Fotos: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
Vén de celebrarse de xeito simultáneo - en Caminha (Portugal) e na Guarda (Galiza) -, na pasada fin de semana, o II Encontro do libro Luso-Galaico da Ribeira do Minho. Un evento ideado polo xornalista Luis Almeida, editor e director do Jornal Digital Regional Caminh@2000, e preparado conxuntamente polos dous municipios veciños, que unha vez máis constituíuse coma un espazo de achegamento entre as dúas beiras do río Minho a través do mundo da escrita. Narrativa, investigación etnográfica, histórica, social, poesía,..., foron algunhas das temáticas que os visitantes deste evento puideron atopar en diversas publicacións editadas, ao longo da pasada fin de semana nas praza de Avelino Vicente González (A Guarda) e na praça do Terreiro, como lle chama á cidadanía caminhense, e de xeito oficial, praça Conselheiro Silva Torres (Caminha).
O evento constituíse de dúas partes diferenciadas: dunha banda a exposición e venda de libros publicados polos concellos do Baixo Miño galaico e do Alto Minho portugués, e doutra banda a realización de actividades como presentacións de libros, recitais de poesía, concertos,… que nos achegaron unha morea de propostas de coñecemento, e mesmo de identidade literaria, nun formato asequible a veciños e visitantes.
Na vila de A Guarda, a inauguración oficial do II Encontro do Libro Luso-Galaico da Ribeira do Miño, contou coa intervención do correspondente de prensa e radio, Antón Ferreira Lorenzo, que dixo:
"Luis Almeida, mantedor do diario dixital Caminha 2000, que o temos aquí entre nós, foi o promotor, o pasado ano, da primeira edición do Encontro do Libro Luso-Galaico da Ribeira do Miño, que contou coas colaboracións da Câmara Municipal de Caminha cuxo presidente, Miguel Alves, non pode estar neste acto, mais está ben representado pola concelleira Liliana Ribeiro; e do concello da Guarda, representado polo alcalde, Antonio Lomba. Temos tamén entre nós ao presidente da União de Freguesías de Caminha e Vilarelho, Miguel Gonçalves.
Non cabe dúbida, antes de que os concellos mantivesen estreitas relacións a nivel institucional e o Miño nos separaba máis que nos unía, que foron a música e a cultura en xeral, a ponte que uniu ás dúas ribeiras. E foi, precisamente, a iniciativa privada o alicerce que sustentou as relacións entre Caminha e A Guarda: grupos folclóricos, asociacións culturais, musicais e ambientais, entre outras, promoveron, máis alá de ideoloxías políticas, as relación de veciñanza. Lembremos por citar só dous exemplos o Encontro de Corais das Ribeiras do Miño ou os diferentes Congreso Gallaecia celebrados na Guarda que ampliaron o coñecemento da poesía, da arqueoloxía, da etnografía,…, do Norte de Portugal e de Galicia.
Luis Almeida vén continuar e confirmar, con esta cita que nos reúne aquí e na Praza Conselheiro Silva Torres, aquela unión dos nosos pobos precedida no tempo polos habitantes dos castros como o de Santa Trega ou a Cividade de Âncora. Lembremos nesta ocasión os nosos vínculos con Portugal pois durante tres anos, do 22 de novembro de 1665 ao 1 de maio de 1668, A Guarda, nós, fomos portugueses cando vencida a guarnición do castelo de Santa Cruz, co gobernador Jorge de Madureira, os soldados abandonan esta praza con destino a Tui, escoltados polos portugueses que renden honores á valentía demostrada polos galegos, ata que, chegada a paz, na referida data de 1668, os portugueses retíranse do Castelo de Santa Cruz e volve izarse a bandeira española.
Permítaseme lembrar outro acontecemento histórico acontecido o 10 de marzo de 1809: Coa colaboración de 600 soldados portugueses, baixo o mando do coronel Serpa, e milicianos da Guarda ás ordes do capitán Juan de Almeida e Sousa, que chegou con 50 soldados, e logo de parlamentar co oficial francés que estaba ó fronte do Castelo de Santa Cruz, son espulsadas as tropas francesas do xeral Merle izándose de novo a bandeira española nesta fortaleza da Guarda, converténdose no primeiro pobo de Galicia en liberarse dos franceses.
E remato cun último apuntamento referido a rúa Malteses que se ten como unha das máis antigas da Guarda e cuxa denominación, á marxe da fermosa lenda que conserva, ten que ver cos malteses, mariñeiros portugueses que esperaban no porto da Guarda para seren enrolados, temporalmente, nos barcos locais que precisaban tripulantes.
Déixolles coas mellores palabras que hoxe van escoitar neste Encontro dando paso, en primeiro lugar ao promotor deste Encontro, o xornalista Luís Almeida."
E así foi, Luis Almeida fixo uso da palabra para saudar a continuidade do Encontro do Libro Luso Galaico que el mesmo propiciou en 2020, con motivo da conmemoración do XX aniversario do seu xornal dixital Caminh@2000.
Trala intervención de Almeida, sería Liliana de Sousa Ribeiro, vereadora (concelleira) de acción social, da Câmara Municipal de Caminha, quen fixo uso da palabra para realizar unha atinada reflexión sobre as múltiples relacións entre as persoas de Caminha e de A Guarda, que veñen de tempos antigos e que é vontade dos ediles dunha e doutra ribeira do Miño, impulsar e potenciar ainda máis, en todos os ámbitos.
En semellantes termos pronunciouse o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, quen salientou as diferentes áreas (cultura, deporte, mobilidade,...) nas que estáse traballando, tanto en Caminha como na Guarda.
O alcalde guardés tamén agradeceu o labor que asumiron tanto a concelleira de Cultura como as persoas dese departamento, para facer posible esta segunda edición do Encontro do Libro Luso Galaico.
Asemade, como xa informamos oportunamente neste xornal dixital transfronteirizo, aínda que o Encontro do Libro Luso Galaico estivo organizado polos Concellos de Caminha e de A Guarda, tamén estiveron representados nel os diferentes concellos da contorna: Oia, O Rosal, Tomiño, Tui e Salceda de Caselas, do lado galego, e Caminha, Vila Nova de Cerveira, Valença do Minho, Monçao e Melgaço.
Entre as accións máis destacables, cabe subliñar a actuación interactiva de Nelson Quinteiro titulada xenéricamente “As nosas músicas d’aquí”, que estivo dirixida ao público familiar, e o concerto do grupo Xardín Desordenado, que puxo música (baixo, guitarras e percusión) e voz (as de Santiago Ferragud e Marlene Rodrigues) a poemas de varias autoras como María Victoria Moreno, Iolanda Zúñiga, Xela Arias, Xosé María Álvarez Cáccamo,...
Tamén compre salientar a brillante intervención de Silvia Cernadas Martínez, historiadora (licenciada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, con Máster en Historia Medieval pola Universidad de Valladolid), emprendedora (Turismo de Historias) e guía oficial de turismo (Soutomaior, 1988) que tratou sobre o relatorio titulado “A Construcción da Fronteira Portuguesa”, centrada na ´raia´ miñota.
O recital de diferentes poetas portugueses ou o concerto da membros da Academia de Música Fernandes Fâo, completaron a programación na Guarda.
Tal e como manifestaron o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, e o presidente da Câmara Municipal de Caminha, Miguel Alves, este evento é unha forma máis de achegamento entre dous pobos irmáns, que cada día tenden lazos e se achegan con accións e actividades en común.

Ningún comentario:
Publicar un comentario