7 de xul. de 2021

VIGO

A CIG mobilízase contra o peche de tres oficinas do BBVA en Vigo 

· Clama polo mantemento da atención ao público e en defensa do emprego 


Empregados/as do banco e delegados/as sindicais desenvolveron concentracións diante dos tres centros de traballo afectados para reclamar o mantemento da atención ao  público e en defensa do emprego

Fotos: CIG

Infogauda / Vigo

 A sección sindical da CIG no BBVA protagonizou hoxe unha intensa xornada de mobilizacións para  rexeitar o peche de tres oficinas en Vigo. Empregados/as do banco e delegados/as sindicais desenvolveron concentracións diante dos tres centros de traballo afectados para reclamar o mantemento da atención ao  público e en defensa do emprego. 

 Dende a CIG no BBVA denuncian que a entidade financeira pretende deixar a poboación sen servizos tras  impoñer un ERE para 2.935 persoas. “Agora ten previsto o peche de oficinas, trasladando a clientela ás  oficinas que decide o propio banco”. No caso de Vigo, as tres afectadas son as de Fernando o Católico  (rúa Urzaiz), avenida da Florida e rúa Coruña. 


Dende a CIG no BBVA denuncian que a entidade financeira pretende deixar a poboación sen servizos tras  impoñer un ERE para 2.935 persoas

 En consecuencia, nas oficinas que permanecen abertas sucédense as colas. “Ter que facer cola diante dos  bancos é perder o tempo e unha humillación para a clientela; ter as persoas de pé á intemperie, pasando  frío, calor ou á choiva, é inhumano”.  

 A isto hai que sumar que só atenden a caixa até as 11:00 horas, polo que pretenden obrigar a clientela a ter que desprazarse para ser atendida só das 8:00 ás 11:00 horas. Estas restricións xa foron denunciadas pola  CIG diante da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC).  

Impoñen a banca dixital para despedir persoal 

 Ademais, o banco cobra comisións por retirar un diñeiro que é da clientela, unha “peaxe” que  normalmente pagan as persoas con dificultades para o uso dos caixeiros ou da banca dixital. “Unha  inxustiza para as persoas maiores e as persoas con capacidades distintas”. 

 Na CIG consideran que quen ten un negocio non pode perder horas na cola dun banco para ter servizo. “Hai persoas, nomeadamente as maiores, que teñen difícil utilizar os caixeiros ou a banca por internet;  non atendelas de xeito presencial é marxinalas”, censuran. 

 Finalmente, sinalan que o peche de oficinas, a restrición dos horarios de caixa e as colas teñen un  obxectivo: forzar as persoas para que opten pola banca por internet e así poder despedir a máis  traballadores/as.

Ningún comentario:

Publicar un comentario