27 de xul. de 2021

VIGO

O COMITÉ DE EMPRESA DE VITRASA  INFORMA DO CALENDARIO DE MOBILIZACIÓNS

Que comezará con 4 xornadas de folga os días 3, 6, 7 e 8 de agosto, e non se descarta que continúen posteriormente con paros parciais e xornadas de folga en datas aínda por determinar



Comité de empresa de Vitrasa / Vigo

 O pasado 24 de xullo realizouse na empresa Vitrasa (concesionaria do transporte urbano de Vigo) unha asemblea de traballadores e traballadoras na que, a solicitude do Comité, se aprobou un calendario de mobilizacións que comezará con 4 xornadas de folga os días 3, 6, 7 e 8 de agosto, e non se descarta que continúen posteriormente con paros parciais e xornadas de folga en datas aínda por determinar.  

 As mobilizacións aprobadas por ampla maioría (107 votos a favor, 5 en contra e 3 en branco) pretenden facer cambiar a empresa unha traxectoria que nos últimos tempos está creando bastante crispación nos traballadores e traballadoras. O Comité de Empresa valora moi positivamente a alta porcentaxe de aprobación das mobilizacións, o que demostra o grao de insatisfacción do cadro de persoal.  

 Na nota de prensa enviada hai uns días, o Comité puña de manifesto as razóns polas que promovía estes paros. Xornadas interminables que chegan a ser de até 10 horas seguidas de condución, falta de descanso dentro da propia xornada, situacións de estrés estremo ao volante, incumprimentos de convenio por parte da empresa, a negativa da dirección a negociar un convenio caducado e incluso 2 atrasos no abono das nóminas nos últimos 6 meses, e mesmo a negativa da concesionaria a colocar uns armarios nos que o persoal de condución poida ter a roupa de recambio e os seus obxectos persoais; son os motivos polos que o cadro de persoal decidiu apoiar as mobilizacións propostas polo Comité.  

 Doutra banda, o Comité de Empresa fai un chamamento ao Concello de Vigo polo seu inmobilismo ante os incumprimentos reiterados como son o impago dos salarios ou un servizo deficiente que deixa pasaxeiros/as nas paradas a pesar de ter autobuses parados nas cocheiras, aos que o Concello, como adxudicador da concesión, debería requirir que se dea unha solución inmediata 

Ningún comentario:

Publicar un comentario