17 de xul. de 2021

VIGO

O comité de empresa de Vitrasa denuncia novamente a difícil situación

No referente ao desenvolvemento da xornada diaria

Comité de empresa de Vitrasa

 Desde o comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano do  Concello de Vigo, queremos denunciar novamente a difícil situación pola que estamos  a pasar no referente ao desenvolvemento da nosa xornada diaria. Aínda que esta  reivindicación vén de lonxe, co estado de alarma xerado pola pandemia a situación  relaxouse un pouco. Con todo, volvemos atoparnos cun día a día que se complica cada  vez máis a medida que se van relaxando as medidas de restrición. 

 Enfrontámonos de novo a horarios imposibles de cumprir, a xornadas interminables  que chegan a ser de até 10 horas seguidas e á falta de descanso dentro da propia  xornada. Todo isto fainos mesmo a temer nalgúns casos pola integridade física dos  condutores/as, xa que os episodios de estrés, tensións e ansiedade ao volante están a  incrementarse dunha maneira exponencial, chegando a cifras de baixas laborais que  xamais contemplaramos.  

 A todo isto únese a inacción da nova dirección da empresa, que unicamente se  preocupa da conta de resultados e deixa en segundo plano o benestar do seu persoal e a calidade do servizo ofrecido á cidade de Vigo. 

 Cuestións como a negociación do convenio colectivo -caducado hai máis de seis meses  sen que vexamos interese da empresa por negociar-, os incumprimentos das  obrigacións laborais que se denuncian diante da Inspección de Traballo e seguen sen  ter solución e os atrasos nas nóminas notificados polo comité de empresa ao Concello  de Vigo son claros exemplos de que a compañía actúa con total impunidade ante as  súas obrigacións para cos traballadores/as e coa propia cidadanía de Vigo. 

 Por todo isto, dende o comité de empresa de Vitrasa anunciamos a nosa intención de  promover a convocatoria dunha serie de mobilizacións encamiñadas a dar solución a  todos estes problemas.

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario