12 de xul. de 2021

PONTEVEDRA

A Estación Fitopatolóxica Areeiro aconsella manter a vixilancia ante o mildio 

O centro dependente da Deputación destaca a presenza de mildio larvado nos predios máis frondosos e recomenda labores culturais de aireación dos acios 


Mildiu larvado
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra   

 A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, lanzou un novo aviso fitosanitario no que aconsella manter a vixilancia ante o mildio. Na observación levada a cabo, observouse que un 40 % das viñas tiña mildio larvado, aínda que se trata de focos illados, polo que recomenda renovar os tratamentos e realizar unha vixilancia periódica das viñas. Do mesmo xeito, desde Areeiro recomendan labores culturais de aireación dos acios incluíndo as esfollas.   

 O persoal da Estación Fitopatolóxica Areeiro advirte que a climatoloxía dos vindeiros días será favorable á aparición de oídio, co que hai que manter un alto nivel de vixilancia e seguir con atención a evolución da enfermidade. No caso do botrite, atopáronse algunhas roturas fisiolóxicas que poden dar entrada a este patóxeno, aínda que non se espera que aumenten polas escasas previsións dun incremento da humidade. Porén, Areeiro aconsella que nas variedades máis sensibles a este patóxeno, como Godello ou Treixadura, se aplique un tratamento antes de que o acio peche completamente e estea compacto.  

 Pola súa banda en canto ao moteado da maceira, debido á elevada humidade dos últimos días, aconséllase aplicar un tratamento, extremando as precaucións nas variedades máis próximas á colleita. Xa no que respecta ao buxo Areeiro prevé que as eirugas, debido á mellora na climatoloxía, comecen a desenvolverse máis rapidamente co que hai que incrementar o nivel de alerta e tratar no caso de observar avances na sintomatoloxía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario