A Deputación de Pontevedra aprobou convenios con Tomiño e As Neves para novos proxectos de mobilidade peonil cun orzamento de preto de medio millón de euros
O Goberno provincial dá luz verde á financiación das obras na EP-4006 e na EP-3102 que teñen por obxecto garantir a seguranza viaria e dar prioridade ás persoas
Infogauda / Pontevedra
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou os convenios cos concellos das Neves e Tomiño para abordar novas obras de mellora da mobilidade peonil que se van desenvolver respectivamente en dous tramos dos viarios provinciais EP-4006 e EP-3102 que transcorren por ambos municipios. O investimento previsto para estes traballos, ambos deseñados baixo o modelo de mobilidade segura e sostible da institución provincial, ascende a 428.305 euros.
En Tomiño acometerase a mellora da mobilidade peonil na EP-3102, nun treito de 400 metros desde o camiño escolar ao CEP Pedro Caselles, cun investimento total de 286.235 euros. Desta cantidade e de acordo ao convenio aprobado, a Deputación financiará o 70 % (200.364 €) e o Concello o 30 % (85.870 €). O proxecto elaborado pola Deputación ten como obxectivo o de acondicionar este treito da estrada para mellorar a funcionalidade da vía e a súa seguridade, tanto para o tráfico rodado como peonil, tendo en conta que se trata dunha zona moi concorrida, xa que dá acceso a equipamentos municipais como a igrexa, o cemiterio e o colexio Pedro Caselles. Con esta actuación de mellora integral prevese a construción dunha senda de ancho variable, non sendo inferior a 3,80 metros, para as peoas e peóns na marxe dereita mantendo a tipoloxía de actuación que existe na EP-3104 avenida do Baixo Miño, así como a renovación do pavimento dos dous carrís existentes e a incorporación de elementos redutores da velocidade. Ademais adaptarase a drenaxe de pluviais, renovarase a iluminación e soterraranse os servizos de electricidade e de telecomunicacións.
No caso das Neves, o convenio é para o financiamento da mellora da mobilidade peonil na intersección da EP-4006 Ponteareas-As Neves, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 11+960 e 12+080, nas que se investirá un orzamento de 142.070 euros. A Deputación aportará o 70 % deste presuposto (99.449 €) e o Concello o 30% restante (42.621 €). A actuación, que dá continuidade á senda peonil executada hai dous anos para a seguranza da veciñanza desde o núcleo do Rabelo e a conexión co colexio e co centro da vila, está encamiñada ao acondicionamento da estrada EP-4006 ao longo duns 120 metros, no contorno da rotonda que comunica coa EP-4202, a fin de mellorar a funcionalidade da vía e a súa seguridade. O proxecto busca darlle prioridade ao tráfico peonil, incrementando o espazo ocupado polas beirarrúas, e mellorar a seguridade viaria mediante unha reordenación dos accesos á rotonda e ó aparcadoiro do autobús. A rotonda contará cun diámetro interior de 6 metros, dous carrís de 4 metros cada un e beiravía exterior de 0,50 metros.
O proxecto tamén contempla a reposición dos servizos de recollida de augas pluviais e da iluminación pública, co emprego de luminarias LED con columnas de aceiro galvanizado nas beirarrúas e 4 proxectores LED sobre báculo de aceiro galvanizado na rotonda. Ademais, empregarase unha iluminación ornamental no interior da rotonda composto por 3 luminarias.
Doutra banda, ao longo das beirarrúas distribuiranse 9 árbores e 4 bancos de pedra granítica e tamén se procederá á instalación dunha nova marquesiña e á colocación de letras decorativas prefabricadas en formigón de cor branco para a formación do texto "As Neves" no interior da rotonda. As actuacións completaranse coa sinalización completa, horizontal e vertical.

Ningún comentario:
Publicar un comentario