23 de xul. de 2021

O ROSAL

CONCERTO DE CINE!

Que será ofrecido pola banda de música da Agrupación Musical do Rosal

Este domingo 25 de xullo ás 22:00 na Praza do Calvario do Rosal




Agrupación Musical do Rosal

 Este domingo 25 de xullo ás 22:00 na Praza do Calvario do Rosal e se a climatoloxía o permite, a banda de música da Agrupación Musical do Rosal, baixo a dirección de Javier Alonso Pérez realizará un concerto de cine!!  

 Nesta ocasión a banda preparou un interesante concerto de bandas sonoras orixinais no que terán cabida moitos dos títulos das mellores películas do cine. Todo concebido como un espectáculo multimedia, xa que simultáneamente á interpretación da banda proxectaranse imaxes das películas. Entre os títulos elixidos están Star Wars, Harry Potter, Indiana Jones, etc.  

 A entrada será de balde ata completar aforo. Prégase chegar con suficiente antelación antes do comezo do concerto, xa que, debido ao incremento de casos COVID no concello, é preciso realizar un rexistro de asistentes. Cumpliranse todos os protocolos necesarios co obxectivo de garantir a seguridade de todos os espectadores. 

 A cultura segue sendo segura.  Ademais este concerto será a primeira das actividades do proxecto impulsado polo concello "Cocreando Sociedade" que vai ver a luz. Trátase dun proxecto piloto participativo e transversal para estreitar lazos entre colectivos do tecido asociativo, administración local e entidades que traballan a prol da diversidade e a través do que se están deseñando de forma conxunta estratexias e iniciativas inclusivas.  

 Este domingo a Agrupación Musical do Rosal e as asociacións San Xerome e Avelaíña formarán parte dunha experiencia sensorial durante o concerto. Nel, as persoas con diversidade funcional ou enfermidade mental poderán experimentar de primeira man, e dende o propio escenario, o que é participar nunha actuación musical, xa que ocuparán asentos en medio das e dos músicos para unha inmersión total na actividade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario