23 de xul. de 2021

O ROSAL

O Mercado do Rosal estrea páxina web   

Recolle información sobre os postos da praza de abastos, horarios ou as imaxes do antes e do despois da remodelación 


     Capturas de pantalla da web do mercado municipal do Rosal
Fonte: C.O.R.


Infogauda / O Rosal

 O Rosal ten un mercado municipal do século XXI, tamén na súa forma de comunicarse coa veciñanza. O mercado estrea páxina web cun deseño atractivo, limpo e intuitivo que permitirá á veciñanza estar informados de todo o que acontece na praza de abastos. Na web dáse prioridade á imaxe das renovadas instalacións e a os cinco postos que nestes intres están a desenvolver a súa actividade económica no recinto.  

 A veciñanza poderá atopar información sobre os produtos, a historia, os obxectivos ou as fórmulas de contacto de cada un dos comercios que traballan no mercado: carnicería Lucas, Froitas Pérez, Gusto Xusto, O Alcouve da Moura e Peixes e Mariscos Lecio.   

 Un exemplo da renovación integral do mercado realizada polo Concello, que non só renovou o antigo edificio construído en 1954 para adaptalo ás necesidades actuais, máis amable, atractivo e confortable para os usuarios e usuarias, senón que tamén creou novas canles de comunicación coa veciñanza. Porque ademais da web os praceiros e praceiras contan tamén cunha páxina de Facebook na que van informando aos veciños e veciñas das diferentes novidades dos seus postos. 

 Na web do mercado municipal tamén pódese desfrutar do vídeo da inauguración das obras de remodelación ou de imaxes do antes e despois que reflicten á perfección o paso adiante dado para converter estas instalacións municipais na mestura perfecta de tradición e modernidade. É un espazo vivo e con futuro no que fomentar a compra do produto local de proximidade, promover actuacións que fagan o comercio local máis atractivo e competitivo e dinamizar o núcleo urbano económica e socialmente e que funcione como polo de atracción de novas persoas emprendedoras. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario