"PSOE E PP FREAN A TRAMITACIÓN DO NOVO ACCESO AO PORTO DA GUARDA"
· Rexeitan a alternativa do BNG, que os nacionalistas cualifican "máis económica e respaldada pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza"
Infogauda / A Guarda
O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego no Concello de A Guarda, fixo público no día de hoxe, 15 de xullo de 2021, o seguinte comunicado.
"No pleno extraordinario celebrado no día de hoxe por petición do BNG para desbloquear a tramitación do novo acceso ao Porto da Guarda, PP e PSOE puxéronse de acordo para votar en contra da opción recomendada pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza defendida polo BNG.
O portavoz do BNG, Anxo Baz, na súa intervención diante do Pleno denunciou que o goberno municipal do PSOE e o alcalde ocultaron desde o mes de marzo aos guardeses e guardesas os informes negativos da Dirección Xeral de Patrimonio e doutras administracións ao trazado que pretenden o PSOE e o PP.
Noutro momento da súa intervención fixo fincapé en que se trata de optar polo trazado máis viábel para desbloquear a súa tramitación, dado que a opción que defenden PSOE e PP xa foi informada negativamente por Patrimonio, ademais de ser 450.000 euros máis cara. A pesar da contundencia da argumentación do nacionalista, PP e PSOE, puxéronse de acordo para votar en contra da proposta defendida polo BNG e tirar abaixo a única opción para que esta tramitación non se dilate no tempo e acabe esquecida nun caixón.
Anxo Baz rematada a sesión declarou: “Hoxe quedou de manifesto que para construír o novo acceso ao porto é necesaria unha nova maioría na corporación municipal da Guarda que pule realmente por este acceso que é vital para o noso pobo”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario