15 de xul. de 2021

A GUARDA

O Concello de A Guarda e a Deputación de Pontevedra seguen traballando para facer realidade o acceso sur do porto de A Guarda 

· "Para o equipo de goberno o acceso sur do porto da Guarda é unha obra prioritaria". 


A alternativa de trazado 2, pola que se inclinaron dende o principio Concello e Deputación é a mellor valorada polos proxectistas nun análise multicriterio

Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 Logo da sesión plenaria extraordinaria celebrada pola Corporación Municipal de A Guarda na Casa do Concello ás 8:30 horas deste xoves día 15 de xullo de 2021, o equipo de Goberno local vén de facer público un comunicado no que lembra: "O proxecto do acceso sur do porto da Guarda foi redactado pola Deputación de Pontevedra, a solicitude do alcalde, Antonio Lomba, no ano 2018. A propia administración provincial está a facerse cargo da tramitación diante dos diferentes organismos para a obtención dos informes sectoriais necesarios para poder executar a obra. 

 Aínda que se seguiron as indicacións dadas por patrimonio nun informe do ano 2018 e se redactaron os documentos que pedía: un Proxecto de prospección arqueolóxica e o estudo de impacto cultural; no proceso de tramitación, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu un informe desfavorable sen dar a posibilidade ao proxectista e aos técnicos da Deputación de defender as solucións adoptadas. En vista deste informe mantívose unha reunión entre responsables de patrimonio, técnicos da Deputación e o alcalde da Guarda para poñer sobre a mesa as cuestións que tiña que abordar e modificar o proxecto para poder obter un informe favorable. 

 Na actualidade o equipo redactor do proxecto está traballando coas suxestións feitas dende Patrimonio para mellorar o proxecto dende o punto de vista de impacto na paisaxe cultural, para poder así conseguir o visto bo de Patrimonio e continuar co procedemento. Conseguir o informe favorable para este trazado conlevaría axilizar a tramitación, dado que xa conta cos demais informes sectoriais a favor. Se houbera que cambiar o trazado habería que redactar outro proxecto e empezar a tramitación dende o principio o que implicaría tirar un proceso de anos ao lixo. 

 A alternativa de trazado 2, pola que se inclinaron dende o principio Concello e Deputación é a mellor valorada polos proxectistas nun análise multicriterio, ponderando, entre outros factores, o trazado, a funcionalidade e permeabiliade, a afección ao medio humano, o impacto medioambiental e o presuposto. Esta  alternativa, que discurre a media ladeira, tamén da satisfacción ao equipo de goberno do concello de A Guarda xa que non produce afección sobre os terreos das vivendas construídas, nin sobre o litoral e sobre todo porque permitirá manter como principal uso da senda litoral, o peonil e ciclista, reducindo o tráfico de coches. 

 Para o equipo de goberno o acceso sur do porto da Guarda é unha obra prioritaria. É fundamental para que, xunto con outras actuacións, se reactive o noso porto. Tamén é moi importante para eliminar tránsito de vehículos polas rúas do centro da vila e poder ter así unhas rúas máis humanizadas, ofrecendo a vez un bo acceso rodado á principal zona de restauración da localidade. O que necesitamos é que a Xunta de Galicia se implique tamén neste proxecto, non pode deixar de lado unha infraestrutura da que depende o futuro do porto da Guarda".

Ningún comentario:

Publicar un comentario