A viaxe de Exeria ao Castro
Protagoniza con grande éxito o “Teatro no Trega” dos Quinquilláns
• As funcións teñen lugar, previa inscrición en centrocultural@aguarda.es, todos os mércores de xullo e de agosto.
• Hai dous pases, ás 18:30 e ás 20:00h con saída dende a explanada da Casa Forestal do Monte Santa Trega.
Infogauda / A Guarda
Despois do éxito acadado en pasadas edicións, o Concello de A Guarda continúa ofertando nos meses de xullo e de agosto de 2021 “Teatro no Trega”.
As funcións están a cargo da compañía Os Quinquilláns, cuxas primeiras sesións foron un éxito e este mércores día 21 de xullo terá lugar a terceira sesión.
Nesta edición a actividade realízase no sector de Mergelina do Castro do Monte Santa Trega - privilexiado miradoiro natural deica o esteiro do río Miño - con dous pases, ás 18:30 e ás 20:00h, previa inscrición, dende o luns previo a cada cita, en centrocultural@aguarda.es, indicando nome completo dos asistentes e teléfono (inscrición por grupos de convivintes). O punto de encontro é a explanada da Casa Forestal do Monte Santa Trega.
A VIAXE DE EXERIA AO CASTRO
A viaxe de Exeria ao Castro é unha actividade que traslada aos asistentes á época na cal o poboado castrexo do Monte Santa Trega estaba habitado. O vehículo que fai posible iso e unha representación teatral na cal a nobre e valente Exeria, tras anos viaxando, volve á súa terra - Gallaecia -, chea de proxectos, entre os que está a conversión dos habitantes do Castro, supostamente abandonado, nunha vila organizada de acordo aos novos tempos. Mais o Castro garda moitas sorpresas e tesouros que custodia Grovio, o seu último e inesperado habitante.
A presente representación está inspirada na personaxe histórica de Exeria, muller peregrina no S.IV. En torno ao ano 380 esta muller procedente dunha familia nobre do Noroeste peninsular -Gallaecia- emprendeu viaxe ata Xerusalén e a súa peregrinación quedou constatada nas cartas que enviaba a amigas e familiares. Na Idade Media estes escritos foron compilados por un monxe da Abadía de Monte Casino no Itinerarium Egeriae (relato da viaxe feita por Exeria desde a Gallaecia ata Terra Santa).
O Itinerarium Egeriae inclúe detalladas descricións da viaxe ata Oriente: Constantinopla, Siria,..., entre outros lugares.
Éxeria visitou o martyria - que significa dar testemuña - a Santa Trega en Seleucia, sendo esta unha das primeiras referencias que vincularían ó culto a Santa Trega -moi arraigado en Asia Menor e na parte oriental do Imperio Romano- coa Península Ibérica.
Ningún comentario:
Publicar un comentario