Visitas regulares guiadas no Monte Santa Trega
Teñen lugar de xoves a domingo ata o 12 de setembro
Infogauda / A Guarda
Dende o pasado 17 de xuño A Guarda organiza visitas regulares guiadas ao Monte Santa Trega, que teñen lugar os xoves, venres, sábados e domingos ata o 12 de setembro.
As visitas guiadas ao Monte Santa Trega contan nesta edición con tres espazos emblemáticos, como son o entorno da ermida, o poboado do sector Calvo e o barrio de Mergelina, onde se teñen realizado importantes tarefas de re-escavación e consolidación para a súa posta en valor.
O obxectivo destas visitas é poder realizar unha visita completa das marabillas que contén o Monte Santa Trega, xa que contar cun guía oficial permite unha interpretación do xacemento e do patrimonio relixioso.
Para participar nas visitas guiadas é preciso unha inscrición previa no teléfono 690 017 038. A organización das visitas en grupos reducidos permite unha maior comprensión e desfrute por parte dos participantes nas mesmas. O punto de encontro e de saída destas visitas será no aparcamento da antiga Casa Forestal.
Durante a fase de re-escavación do barrio Mergelina constatouse que o castro foi ocupado antes do que se pensaba, desde o século IV a.C. Tamén sacáronse á luz 43 novas estruturas arquitectónicas que compoñen 11 unidades familiares e ata 43.833 pezas, que formarán parte do vindeiro proxecto de musealización.
Destaca tamén a recente intervención no concheiro, que se atopa ao lado da porta Sur de entrada ao castro do Monte Santa Trega, e que constituía para os seus habitantes un lugar de vertedoiro de cunchas de lapas (Patella vulgata), mexillóns (Mityllus galloprovincialis), caramuxas (Littorina littorea), ósos de animais mamíferos, e espiñas de peixes, etc...., que formaban parte da dieta alimentaria dos castrexos. A día de hoxe, é unha fonte de información incalculable pois a través do seu estudo podemos coñecer numerosos aspectos da vida cotiá das persoas que viviron no castro.
PROXECTO “TREGA 2020+5”
Ademais A Guarda traballa no proxecto “Trega 2020+5” para desenvolver o potencial patrimonial, social, cultural e científico do castro do Monte Santa Trega a través dunha actuación integral. Así este proxecto desenvolverase arredor de tres eixos: recuperar e consolidar os sectores do castro escavados entre 1910 e 1930; manter de forma sostida no tempo o conxunto das estruturas escavadas no castro e expostas ao público e investigar; e profundar no coñecemento arqueolóxico do castro coa finalidade de crear contidos destinados á divulgación e ao incremento da valorización do patrimonio.


Ningún comentario:
Publicar un comentario