29 de xul. de 2021

A GUARDA

A Guarda aposta polo talento creativo da comarca 

· A I Mostra Creativa do Baixo Miño, celebrarase este sábado, 31 de xullo, dende ás 10.00h ata ás 21.30h, na Praza de Avelino Vicente


Daniel Macua e Fátima Rodríguez, responsable de Acontravento e concelleira de Dinamización local, respectivamente, coa lona da I Mostra Creativa do Baixo Miño

Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

  A I Mostra Creativa do Baixo Miño, celebrarase este sábado, 31 de xullo, dende ás 10.00 ata ás 21.30h, na Praza de Avelino Vicente. No evento, organizado por Acontraventounha marca de roupa galega fundada no ano 2019 na Guarda - e o Concello de A Guarda, participarán dezanove proxectos creativos da nosa comarca. 

 A I Mostra Creativa do Baixo Miño ten como obxectivos o apoio do talento creador da nosa comarca e o fomento do consumo responsable e de proximidade, ao mesmo tempo que se propicia un lugar de encontro que permita a cooperación e colaboración entre as persoas responsables dos diferentes proxectos que participarán no evento. 




 Daniel Macua e Fátima Rodríguez, responsable de Acontravento e concelleira de Dinamización local, respectivamente, veñen de manter unha reunión informativa cas participantes onde incidiron na importancia do evento tanto para os proxectos como para a nosa comarca. 

 “Moitos proxectos xa son máis coñecidos pero outros acaban de nacer e estas iniciativas son un pulo importante nunha época como na que estamos. Esta primeira edición estará marcada polas medidas anti covid, pero esperamos que moita xente se achegue a coñecer todos estes proxectos.” comentou Daniel Macua. 

 “Queremos que sexa un evento que se manteña ano tras ano e que axude a visibilizar todo o potencial que temos na nosa contorna. Aproveitamos para agradecer a tódalas participantes a súa presenza e invitar a todas e todos a achegarse este sábado” declarou Fátima Rodríguez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario