A ASOCIACIÓN CULTURAL DE EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS PIUEIRO HOMENAXEA AO MESTRE CARPINTEIRO DE RIBEIRA, DOMINGO CARRERO ÁLVAREZ
· Póndolle "Minxos" a gamela que a asociación vén de botar ao mar
· A vela da embarcación leva a efixie do poeta Feliciano Rolán Vicente
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
A Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro vén de botar ao mar unha gamela guardesa construída na empresa Astilleros El Pasaje, S.L., de A Pasaxe (Camposancos), seguindo o máis fielmente posible o modelo tradicional.
No costado da nova embarcación loce o apelativo Minxos, en homenaxe ao mestre carpinteiro de ribeira Domingo Carrero Álvarez, a quen á xunta directiva que preside Joaquín Cadilla Castro, e demais membros de Piueiro, tribútanlle dese xeito, unha merecida homenaxe póstuma a quen foi guía fundamental no labor de recuperación do volanteiro guardés.
Ese xesto de Piueiro honra a unha persoa de ben e a súa vez honra aos membros da asociación promotora da homenaxe, e por extensión á toda a comunidade mariñeira guardesa.
Asemade, a gamela conta cunha vela que leva a efixie do poeta Feliciano Rolán Vicente.
Dese xeito, na víspera da festividade da Virxe do Carmo, a gamela "Minxos" foi transportada desde A Pasaxe ata o porto de A Guarda, en cuxas augas loce brillante.
Desexamos que esta gamela sexa todo un referente que contribúa a que esa embarcación tan xenuinamente guardesa, non desapareza nunca do noso mar.
Galería de imaxes, da autoría do fotógrafo santigo Baz Lomba.


Ningún comentario:
Publicar un comentario