17 de nov. de 2020

A GUARDA

OBITUARIO  

“MINXOS”: NA SINGRADURA DO ESPAZO INTEMPORAL 

 

De esq. a der.: Domingo Carrero Álvarez e Joaquín Cadilla Castro, no aserradoiro do Manuel Fernández Expósito "O Carrasca", para supervisar o aserrado das cuadernas do volanteiro

Fotos: Santiago Baz Lomba

 

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Na tarde de hoxe, martes día 17 de novembro de 2020, tivemos coñecemento da triste nova do pasamento de “Minxos”, hipocorístico de Domingo Carrero Álvarez, mestre carpinteiro de ribeira, emprendedor e fundador de Astilleros El Pasaje, S.L., que así é súa denominación mercantil, ainda que todo o mundo, como se dí coloquialmente, coñece esa empresa, situada preto do lugar de Corpo Santo, na Pasaxe (Camposancos), como o “Estaleiro de Minxos”. E poda que namentras exista nese emprazamento, na mesma ribeira do río Miño, así seguirá sendo, ainda que non saibamos, obviamente, por canto tempo máis. Ogallá que, como desexamos, sexa ad multos annos, é decir por moitos anos.  

 

         Domingo Carrero Álvarez co seu fillo Francisco que continúa no estaleiro

 

 Minxos era unha persoa que coñecía seu oficio, que dalgún xeito, por verdadeiro amor á Arte, prolongou máis aló da súa merecida xubilación, logo de toda unha vida de traballo honesto, na súa actividade de construcción e reparacións de barcos, maioritariamente pesqueiros.   

 Era un home intelixente e ao mesmo tempo, sinxelo, educado e serio, que levaba unha vida austera e metódica. Era ademáis, con certeza, un sabio. Sen ningunha sinal de presunción. Un ser humano que coñecía, como poucos, a arte de construir barcos de xeito artesanal.   

 Co seu pasamento A Guarda perde un dos seus máis preclaros veciños. O home que guiou con discreta habelencia a construcción do volanteiro Piueiro. Esa xoia da nosa etnografía marítima, desaparecida nas néboas de un século, aproximadamente, da Ribeira guardesa e que en boa hora, a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, propúxose e logrou, recuperar.  

 

Domingo Carrero Álvarez, a carón do volanteiro cando á embarcación estaba sendo forrada

 

 Coa participación directa de Minxos, transmitindo oralmente seu saber á pé de obra, en todo o proceso constructivo, o resultado do proxecto de Piueiro foi, como todos temos constancia, óptimo.   

 Na singradura de Minxos cara o alén, a nosa vila queda orfa dun profesional da categoría e da talla humana que el posuía.   

 Lembrarémolo sempre, namentras a saúde nolo permita, co seu característico ollar e seu discreto sorriso.   

 En verdade, Minxos era unha persoa de ben e de recto proceder. A xeito de consolo quédanos como testemuño a lembranza da súa obra, magníficamente representada no volanteiro Piueiro, que coroando o pano da súa vela leva a efixie de Rosalía de Castro. Cada vez que de noite ollemos o ceu galego, saberemos que na constelación de Ofiuco brilla unha nova estrela no espazo intemporal. Que súa luz guíe e reconforte a toda súa familia, e a todos os que o botaremos de menos.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario