A axenda de xullo ven cargada de actividades para todas as idades na Guarda
• Tódalas actividades contan con aforo limitado, protocolo covid-19 e é preciso inscrición previa
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda vén de publicar a axenda de xullo, que este ano trae actividades para todas as idades cunha programación moi diversa que conta con concertos, actividades deportivas, espectáculos infantís, visitas guiadas, entre outras.
A programación de xullo arrancou xa na pasada fin de semana con diversos pasacalles e actividades para conmemorar a Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira, que este ano non se puido realizar por mor das restricións sanitarias.
A programación continúa dende o venres 9 de xullo con “A Guarda Diversa”, que, ao longo da fin de semana, ofrecerá mesas redondas, faladoiros, obradoiros infantís, e música en torno á diversidade LGTBI, algunhas destas actividades serán retransmitidas en directo na canle de Youtube do Concello. As inscricións están abertas no Centro de Información á Muller da Guarda.
O xoves 15 de xullo terá lugar a primeira actividade de Deporte de Verán cun Curso de Surf, as inscricións están xa pechadas. Tamén nesta xornada o Auditorio de San Bieito acollerá ás 20:30h unha sesión de teatro familiar coa obra “A Illa sen Tesouro”, inscricións abertas en centrocultural@aguarda.es
O sábado 17 de xullo ás 20:30h o Auditorio de San Bieito será o escenario para a actuación do grupo de baile tradicional “O Fiadeiro”, inscricións abertas en centrocultural@aguarda.es
O domingo 18 ás 10:30h O Puntal (Camposancos) acollerá unha sesión de ioga ao aire libre organizada dende a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX). As inscricións están abertas en información@aguarda.es
Tamén na xornada do domingo, ás 16:30h terá lugar a segunda actividade de Deporte de Verán, cunha saída en caiac polo río Tamuxe. As inscricións están abertas na OMIX en información@aguarda.es
A música chegará á Guarda pola porta grande na fin de semana do 23 e 24 de xullo co festival musical “A Guarda, Mar de Blues”, que terá lugar na Praza do Reló e que traerá a grandes artistas coma Marcos Coll, Javier Turnes ou Peter Storm & Blues Society, así coma unha clase mestra para os asistentes. Inscricións abertas en centrocultural@aguarda.es
Para rematar xullo, na derradeira fin de semana do mes, chegará o espectáculo de maxia “Titanic”, con Cayetano Lledó, que terá lugar o venres 30 de xullo ás 20:30h no Auditorio de San Bieito. Inscricións abertas en centrocultural@aguarda.es
O sábado 31 de xullo ás 21:00h a Praza do Reló acollerá o concerto do grupo de clarinetes “Klason” da Agrupación Musical do Rosal . Inscricións abertas en centrocultural@aguarda.es
Máis programación
Ao longo do verán, todos os mércores, terán lugar as sesións de “Teatro no Trega: A viaxe de Exeria ao Castro”. Unha actividade que conta con dous pases, ás 18:30h e ás 20:00h e que require unha inscrición previa en centrocultural@aguarda.es
Tamén este verán A Guarda puxo en marcha “Venres de xullo baixo as estrelas” unha actividade de observación astronómica, que ten lugar os venres de xullo (agás o 16) ás 23:00h no Puntal (Camposancos) e para a que é preciso unha inscrición previa a través do correo aguarda.oficina.turismo@gmail.com
O Concello de A Guarda aposta novamente este verán polas visitas guiadas ao Castro do Monte Santa Trega, que se repiten de xoves a domingo en varios horarios e en tres emprazamentos: o Poboado Calvo, o Poboado Mergelina e o Patrimonio relixioso. É preciso unha inscrición previa no 690 017 038 ou en masat@aguarda.es
Asemade, o Concello de A Guarda continúa a apostar pola seguridade e o cumprimento das medidas de seguridade pola covid-19 na súa programación de actividades, que contan cun estrito protocolo e para as que é preciso unha inscrición previa.


Ningún comentario:
Publicar un comentario