Música e Memoria Viva dan o pistoletazo de saída á programación cultural de verán no Rosal
· Este xoves 8 de xullo, o concerto de Sergio de Miguel Trío Jazz precederá á proxección do vídeo documental de Marcola González en Novás
· Iván Caride e o vídeo de Nemesio Castro serán os protagonistas da actividade este sábado 10 na área de recepción dos muíños do Folón
Infogauda / O Rosal
Música e patrimonio inmaterial serán os encargados de dar esta semana o pistoletazo de saída á axenda cultural de verán no Rosal, unha programación que levará unha oferta de lecer variada e de calidade a todas as parroquias rosaleiras.
Dous meses de cultura segura que comezan este mesmo xoves 8 no torreiro de Novás con dúas actividades diferentes. Ás 21.00 horas sonará a música de Sergio de Miguel Trío Jazz, un proxecto homónimo do pianista e compositor vigués de 19 anos residente en Boston onde está a cursar o dobre grao de Piano Performance e Film Scoring no Berklee College of Music. Na actuación presentará ‘Espirales’, un proxecto con música orixinal de Sergio de Miguel no que fusiona as súas raíces galegas con influencias heteroxéneas da música clásica, música contemporánea e músicos modernos de jazz. Estará acompañado de dous músicos habituais da escena musical galega, Óscar Rodríguez no contrabaixo e Max Gómez na batería.
Tras o concerto, ás 22.30 horas, proxectarase o vídeo documental do proxecto ‘Memoria Viva’ protagonizado por Marcola González, que estará presente no acto.
O sábado 10 a programación cultural trasladarase á área de recepción dos muíños do Folón. Ás 21.00 horas será a quenda de Iván Caride, músico e compositor galego que presentará no Rosal o seu primeiro traballo como solista, ‘Voices’, en formato dúo. O público poderá desfrutar da mestura de moitos estilos musicais con influenzas como Peter Gabriel, Pink Floyd, David Bowie, Coldplay, Phil Collins, The Killers ou REM. Tras a música, ás 22.30 horas, será o momento dunha nova proxección dos documentais de ‘Memoria Viva’, nesta ocasión do protagonizado por Nemesio Castro, que estará acompañando ao público.
Ningún comentario:
Publicar un comentario