30 de xul. de 2021

A GUARDA

A Guarda programa en agosto moita música e espectáculos para os mais pequenos 

• Todas as actividades contan con protocolo COVID-19 asegurando o aforo reducido, a distancia de seguridade e sendo precisa a inscrición previa 




Infogauda / A Guarda 

 Este domingo comezará o mes de agosto e con el unha variada programación cultural que, polos motivos que todas/os coñecemos, estará acompañada de todas as limitacións e precaucións para garantir que a cultura sexa un espazo seguro.  

 Desde o equipo de goberno do Concello de A Guarda salientan: "Os eventos programados foron escollidos pensando en satisfacer as inquedanzas dos diferentes tipos de público da nosa localidade e dos visitantes que se acheguen ata a nosa vila. Concertos para a xente nova e non tan nova, folclore, espectáculos infantís, exposición de fotografía, mostra literaria e o peche da xira de Guadi Galego son os ingredientes principais que compoñen esta axenda de agosto."  

 O mes arrancará cunha nova edición de Música nos Xardíns, un programa de concertos nos espazos abertos do Centro Cultural apoiando a música local e da nosa comarca. Este primeiro concerto contará coas actuacións de Bruce Grinn e o grupo miñorano The Mirror, banda na que se mesturan influencias do rock, funk e o soul. 

 O programa de Música nos Xardíns continuarán cara a final do mes de agosto e setembro con outras dúas citas de concertos, amadriñadas polos festivais locais que non puideron celebrarse neste ano: Rock Guardés e Galifornia Beat. Os interesados en asistir a estes concertos poderán reservar as súas entradas na seguinte ligazón:

https://www.woutick.es/evento/1594/entradas-axenda-cultural-a-guarda  

 O sábado 7 de agosto ás 20:30 horas, no Auditorio San Bieito, chegará o festival de baile e música folclórica Fiadeiro,  que fora suspendido o pasado 17 de xullo. Desde o Concello de A Guarda indican que "a xente que xa estaba anotada mantén garantida a súa praza e aquelas persoas que queiran sumarse a iniciativa deberán escribir un correo a centrocultural@aguarda.es indicando o número de asistentes conviventes (máximo 4), o nome e apelidos de todos eles e un número de teléfono."  

 E tras estas citas musicais chega o momento da diversión en familia con dúas propostas que chegan dentro da programación do Xacobeo 2021 “Cultura no Camiño” e que son o concerto de Música para nenos “Estamos no verán”, con temas divertidos e refrescantes baseados no disco-libro homónimo, interpretados pola Banda do Verán que lidera o músico e compositor Xoán Curiel. Este concerto será o martes 10 de agosto ás 20:30h. no Auditorio de San Bieito. 

 O xoves 12 de agosto ás 20:30h., no Auditorio San Bieito, os mais cativos e as súas familiar teñen garantido un novo momento de diversión sen límites coa Gran Gala de Circo de Pistacatro, un espectáculo cheo de humor, acrobacias e a maxia do circo cunha das mellores compañías de novo circo da nosa localidade. Os interesados en asistir a calquera dos dous eventos poderán reservar as súas entradas dende unha semana antes na seguinte ligazón: https://www.woutick.es/evento/1594/entradas-axenda-cultural-a-guarda  

 Xa na segunda metade do mes chega a fotografía e a literatura, a primeira coa exposición de fotografía “Facedoras do Baixo Miño” de Mar Caldas, artista visual que recopilou o traballo en feminino da nosa comarca. A exposición estará na sede do concello entre o 19 de agosto e o 1 de setembro, sendo a inauguración o mércores 18 de agosto ás 19h.  

 Nesa mesma semana a IIª Feira do Libro Luso Galaico da Ribeira do Miño, repetirá a boa acollida acadada o ano anterior nun evento no que as presentacións de libros, relatorios históricos, contacontos e un concerto do grupo “Xardín Desordenado” acompañarán a exhibición e venda de libros editados en ambas marxes da ´raia´ miñota. 


Guadi Galego presentará na Guarda seu disco “Costuras”
Foto: Cedida

 E por último, a programación de agosto pecharase o sábado 28 de agosto ás 21:30h, no porto de A Guarda, co gran concerto de Guadi Galego. Unha actuación enmarcada dentro do programa Musigal da Deputación de Pontevedra. 

 A cita de Guadi Galego na nosa vila será un dos últimos concertos da xira de presentación do disco “Costuras”, no cal poderemos deleitarnos co saber acumulado neste intenso verán asegurando un espectáculo único para os seus seguidores e aqueles que queiran achegarse a coñecela. 

 As persoas que queiran asistir poderán reservar a súa entrada a partir do 16 de agosto na seguinte ligazón: https://www.woutick.es/evento/1594/entradas-axenda-cultural-a-guarda 

 Todas estas actividades culturais serán acompañadas pola programación regular no Monte Santa Trega coas teatralizacións a cargo dos Quinquilláns e as visitas ao patrimonio cultural dese icónico enclave arqueolóxico e turístico de A Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario