19 de maio de 2024

A GUARDA

A VILA DE A GUARDA XUNTA MANS

 Nos labores previos á confección das alfombras de flores e de sal na honra do Santísimo Sacramento



Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

  Mans de mulleres, de homes e de nenas e nenos, veñen traballando nos labores previos - deseño das alfombras; recolección, transporte, debullado, conservación,..., dos materiais naturais  - que chegado o momento oportuno contribuirán a configurar os tapices florais na honra do Santísimo Sacramento, que neste 2024 terán lugar o vindeiro día 2 de xuño.

 Quedan poucas xornadas para esa data tan especial, na que o pobo de A Guarda, se a climatoloxía non o impide, vai realizar unhas alfombras de flores e de sal, en varios lugares (Praza do Reló, praza de Ignacio Sobrino, rúa Oliva, rúa Hernán Cortés, praza de José María Lomba, rúa Malteses, A Ribeira e rúa Concepción Arenal), polas cales, entre outras, unha vez rematada a misa que ás 18:00 horas, se oficiará na igrexa parroquial de Santa María de A Guarda, pasará a solemne procesión.

 Hai moito labor por facer, motivo polo cal, todas aquelas persoas que desexen colaborar poden dirixirse ás coordinadoras de cada grupo de alfombras, para concretar de que xeito, cando, como, e onde, poden achegar súa prestación persoal.

 En todo caso, grazas a colaboración veciñal e institucional, a veciñanza de A Guarda vén traballando día e noite, para oportunamente amosar esa ofrenda tradicional na honra do Corpo de Deus.

Ningún comentario:

Publicar un comentario