7 de xul. de 2021

A GUARDA

A GUARDA CONMEMORARÁ A FESTIVIDADE DE "SAN BIEITO DO VRÁN"      

• Numerosos devotos de toda a comarca acudirán o domingo día 11 de xullo ao santuario de A Guarda

 Retabro barroco coa imaxe de San Bieito, na igrexa que pertenceu ao convento de monxas bieitas de A Guarda
Foto: Infogauda


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Con eucaristías ás 9:00 e ás 11:00 (solemne), respectivamente, na igrexa que pertenceu o mosteiro de monxas bieitas, da Transfiguración do Señor, fundado en 1558 polos irmáns Ozores e Sotomayor e Mayor de Zúñiga - parentes de Pedro Álvarez de Sotomayor, alcumado Pedro Madruga, Conde Caminha -, situado fronte a Chan de Conde - predio que foi dos Condes de Priegue -; a vila de A Guarda celebrará este domingo día 11 de xullo, a festividade de San Bieito “do vrán”.

 O rematar cada unha das misas os fieis que así o desexen poderán mercar a medalla-crucifixo de San Bieito abade, de orixen moi antergo. O deseño desa medalla foi fixado polo Papa Benedicto XIV. Dunha parte leva a imaxe de S. Bieito que tén na man unha cruz e na outra, unha cruz máis grande con varias letras. 

 No anverso leva a efixie do santo, coa cruz na man dereita e a Regra na esquerda; a súa dereita unha copa de onde fuxe unha cobra (lembranza do viño enveleñado do que o santo salvouse milagrosamente); a esquerda un corvo lévase o pan velenoso. Por debaixo poden lerse as seguintes verbas: "EX S.M. CASINO MDCCCLXXX" (Do Sacro Monte Cassino 1880). A ambos os dous lados "CRUZ SANCTI PATRIS BENEDICTI" (Cruz do S. Pai Bieito). Ao redor da imaxe: "EIUS IN OBITU NOSTRO PRAESENTIA MUNIAMUR" (Que nos defenda na nosa morte coa súa presenza)". 

 "A medalla de S. Bieito emprégase para todas as necesidades espirituais e temporais, a condición que se use con espírito de fe. Esta medalla - que debe ser abenzoada por un sacerdote ou por un diácono - é eficaz contra as epidemias, os veleños, algunhas enfermedades especiais e contra os maleficios e as tentacions do demo", dixo a este cronista unha devota de San Bieito, que coida con primor o santuario.

 Ademáis de estar considerado o Patriarca do monacato occidental, fundador da Orde Bieita e a vez, Padroeiro dos exorcistas; San Bieito conta na nosa localidadade con numerosos devotos de toda a comarca do Baixo Miño. Non en van, A Guarda honra a San Bieito en dúas ocasions ó longo do ano. A primeira delas, o 21 de marzo, e coñécese popularmente como a festividade de "San Benitiño do inverno", e a segunda, tén lugar cada 11 de xullo e chámase "San Benitiño do vrán". 

 En ambas as dúas ocasións, os devotos ofrécenlle ó santo esmolas e numerosos exvotos de cera, representando diversos membros humanos, e incruso corpos completos, co fin de obter os numerosos beneficios que segundo a fe popular adoita conceder o popular santo, nado no ano 480 nos Montes Sabinos, preto de Roma.

 A San Bieito atribúenselle poderes curativos de diversas enfermidades, especialmente as espullas e males relacionados coa pel. A tradición dí que para elimina-las espullas hai que ter fe en San Bieito e apricar un pouco de aceite do lampadario do santo que se distribúe entre seus fieis.

Ningún comentario:

Publicar un comentario