A INICIATIVA DO BNG, A CORPORACIÓN MUNICIPAL CELEBRARÁ UN PLENO EXTRAORDINARIO
PARA DESBLOQUEAR A TRAMITACIÓN DO ACCESO SUR AO PORTO DA GUARDA
Infogauda / A Guarda
O próximo xoves día 15 de xullo, as 8:30 da mañá o Concello de A Guarda celebrará un pleno extraordinario convocado por petición do grupo municipal do BNG “para impulsar a tramitación do acceso sur ao Porto da Guarda”.
“Diante do informe negativo emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio do trazado escollido polo Grupo de Goberno do Concello de A Guarda, información que por certo se lle ocultou ao resto dos grupos municipais e a opinión pública guardesa, a pesar de ter data de entrada do mes de marzo; o BNG considera imprescindíbel e urxente dar os pasos precisos para desbloquear esta situación”, afirmou Anxo Lois Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no concello guardés.
Baz Vicente reitera que “a proposta escollida polo Grupo de Goberno do Concello da Guarda é unha das dúas posibeis que no ano 2018 entregou a Área de Mobilidade da Deputación de Pontevedra ao Concello. A alternativa 2 pola que optou o Goberno Municipal ademais de ser a máis cara, conta co informe negativo de Patrimonio polo forte impacto en elementos patrimoniais e paisaxísticos. O mesmo informe proponlle ao Concello que opte pola alternativa 3”.
Por ese motivo, o portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello de A Guarda manifesta: “Non logramos entender a teima do Grupo de Goberno de defender un trazado máis caro, con un maior impacto visual e que ademais se atopa con informes desfavorabeis de Patrimonio. A Guarda non se pode permitir que polo capricho do Goberno de turno se teña paralizada a tramitación dun proxecto vital para o noso pobo. Esa é a razón da petición da celebración deste pleno extraordinario na que o BNG vai propoñer ao pleno da Corporación que se posicione pola outra opción posible para contar cos permisos necesarios e a partir daí centrarse en buscar financiación para levar adiante esta infraestrutura”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario