A Xunta de Galicia e Concellos do Camiño Portugués da Costa valoran positivamente a puxanza deste itinerario
· O director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Ildefonso de la Campa, mantivo un encontro cos edís deste itinerario
· De la Campa destacou a puxanza desta Camiño e lembroulles a incompresible cerrazón do alcalde de Vigo a sinalizar a Ruta Xacobeo ao seu paso por Vigo
O director de Administracións e Relación coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, mantivo un encontro con alcaldes e alcaldesas de A Guarda, O Rosal, Oia e Baiona, xunto coa concelleira de turismo de Nigrán
Infogauda / Santiago de Compostela
O director de Administracións e Relación coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Ildefonso de la Campa, mantivo un encontro con alcaldes e alcaldesas de A Guarda, O Rosal, Oia e Baiona, xunto coa concelleira de turismo de Nigrán, "co obxectivo de avaliar a situación do Camiño Portugués da Costa na fronteira con Portugual e a experiencia dos peregrinos que escollen este itinerario para chegar ata Compostela".
A xuntanza serviu para valorar positivamente a posta en marcha do ferri entre Caminha e A Guarda, que logo de seis meses inactivo (desde o día 11 de xaneiro ata o día 8 de xullo, ambos inclusive), reanudou seu funcionamento o pasado venres día 9 deste mes, solucionando este paso fronteirizo de xeito más práctico. Este servizo complétase coas alternativas de uso das embarcacións coñecidas como taxi-mar, "aínda que estas presentan o inconveniente das elevadas tarifas, polo que considerouse de interese ver a posibilidade de ter nun futuro próximo outra liña de transporte de pasaxeiros no esteiro do Miño".
A outra cuestión que se abordou e que os presentes consideraron "máis preocupante para o Camiño Portugués da Costa" é a información que se está dando en Portugal sobre este itinerario Xacobeo. Están aparecendo distintas publicacións e sinalizacións sobre o terreo que utilizan a simboloxía do Camiño de Santiago e o nome do Camiño Portugués da Costa que en nada se parecen ao itinerario oficial. "Algunhas destas sinalizacións incluso restán realizadas por institucións, como é caso da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira".
Os responsables municipais pedíronlle ao representante do Xacobeo, Ildefonso de la Campa, que tomara cartas no asunto e que se dirixa a Comisión Certificadora Portuguesa, organismo encargado de oficializar os itinerarios dos Camiños de Santiago en Portugal, para denunciar e corrixir o uso que se está a facer do nome Camiño Portugués da Costa para itinerarios que nada teñen que ver co oficial. Neste sentido, Ildefonso de la Campa comprometeuse "a comprobar esta situación coa Comisión Certificadora Portuguesa, organismo encargado de oficializar os itinerarios dos Camiños de Santiago en Portugal."
Asemade, outro asunto que tamén se abordou foi "a falta de colaboración do Concello de Vigo para a sinalización do Camiño Portugués da Costa, que é o único tramo que queda sen sinalizar debidamente neste Camiño". De la Campa aproveitou para lembrar que "grazas á colaboración da hostalería da cidade, os peregrinos contan con información sobre o Camiño ao seu paso pola cidade olívica".
Recuperación da peregrinación
A reunión rematou facendo unha valoración positiva por parte dos asistentes tanto da recuperación na chegada dos peregrinos ao Camiño, como da evolución que, dende a súa oficialización no ano 2016, ten experimentado o Camiño Portugués da Costa, sendo un dos itinerarios Xacobeos que máis ten evolucionado en porcentaxe de peregrinos.
Ata este mes de xullo escolleron esta ruta máis de 1.200 peregrinos, o 4% do total dos que recolleron a Compostela. Xunto ao Camiño Portugués, os peregrinos que escollen estas rutas xa representan o 23% do total.

Ningún comentario:
Publicar un comentario