A Xunta de Galicia somete a información pública a reformulación do proxecto de trazado do desdobramento da estrada PO-552 na recta de Figueiró, no concello de Tomiño
Trátase do primeiro subtreito no que se dividiu o treito central da VAP entre Tui e A Guarda actualmente en servizo, que suporá un investimento autonómico de preto de 12 M€
O DOG publica hoxe o trazado de adaptación dos camiños de servizo previstos no proxecto de conversión en autovía urbana de 2,1 quilómetros desta vía autonómica entre a glorieta de Goián e o acceso ao núcleo de Estás
A actuación incorpora as alegacións presentadas polo Concello de Tomiño ao proxecto inicial, para que os camiños de servizo da vía de altas prestacións melloren a mobilidade dos núcleos do municipio
Os interesados nesta actuación poderán formular as súas achegas durante un período de 30 días hábiles, contados a partir de mañá
Infogauda / Tomiño
Trátase do novo proxecto de trazado de adaptación dos camiños de servizo previsto na reformulación do proxecto para converter nunha autovía urbana o treito de 2,1 quilómetros da actual estrada autonómica PO-552 entre a glorieta de Goián –na que remata o treito da Vía de Altas Prestacións entre Tui e A Guarda actualmente en servizo- e o acceso ao núcleo de Estás.
O DOG, simultaneamente ao novo trámite de información pública, recolle a efectos expropiatorios a relación de predios necesarios para executar o primeiro subtreito no que se dividiu o treito central da vía de altas prestacións, que suporá un investimento autonómico de preto de 12 millóns de euros. A execución da nova vía fai precisa a expropiación definitiva de 152 predios e a temporal de 64.
Antecedentes
Cómpre lembrar que durante a fase de información pública do referido proxecto, o Concello de Tomiño solicitou que os camiños de servizo da vía de altas prestacións previstos no documento se executasen máis lonxe do tronco da vía, coa finalidade de facilitar a mobilidade municipal. Deste xeito, os camiños de servizo deixan de ter unha función exclusiva de elementos funcionais da estrada para serviren tamén a mobilidade dos núcleos próximos.
Dado que o cambio solicitado foi aceptado e supón unha modificación da afección territorial, é necesario adaptar o documento redactado e sometelo a unha nova información pública. Todos os interesados nesta actuación poderán formular as súas achegas durante un período de 30 días hábiles, contados a partir de mañá. Na seguinte ligazón ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio:
https://xurl.es/uebr0
Ningún comentario:
Publicar un comentario