18 de xuño de 2021

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra dá o pistoletazo de saída ás propostas culturais "Tras as ameas" e "Música no ar" que suman este verán 23 espectáculos en todas as comarcas 

Carmela Silva (presidente do ente provincial): "Somos a administración da provincia que máis aposta pola cultura e que ten máis presencia e unha mirada global, porque apoiamos todas as disciplinas culturais e de forma particular pola presencia das mulleres nas nosas iniciativas"


Presentación de propostas culturais coa presidenta da Deputación de Pontevedra

Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra   

  A Deputación de Pontevedra deu hoxe o pistoletazo de saída a dúas das grandes propostas que, no marco da programación Aviventa, vai desenvolver este verán para seguir a espallar cultura en vivo por todas as comarcas da provincia. Os programas "Tras as Ameas" e "Música no Ar" incluirán un total de 23 espectáculos e, como subliñou a presidenta provincial Carmela Silva, levarán as actividades culturais de novo aos castelos de Soutomaior e Sobroso, así como aos espazos patrimoniais máis singulares dunha decena de concellos. "Somos a administración da provincia que máis aposta pola cultura –subliñou- e que ten máis presencia e unha mirada global, porque apoiamos todas as disciplinas culturais e, de forma particular, pola presencia das mulleres nas nosas iniciativas".  

 Carmela Silva, que presentou as iniciativas xunto á deputada Victoria Alonso, e a directora de Cultura, Paula Cabaleiro, lembrou o grande éxito que tiveron as iniciativas levadas a cabo o pasado verán tanto nos castelos como os espazos singulares escollidos para Música no Ar, que se  "encheron na súa totalidade e para os que houbo unha gran lista de agarda" e que animaron á institución provincial a seguir apostando nesta liña de actuacións. En concreto, "Música no Ar" volverá levar a música clásica contemporánea a espazos patrimoniais relevantes dos concellos da Estrada, Tui, Pontecesures, A Lama, A Cañiza, Cambados, Gondomar, Cangas, Silleda, Mondariz, así como ao Castelo de Soutomaior e neste senso, Carmela Silva quixo poñer de relevo que o Goberno provincial leva as súas propostas aos concellos "goberne quen goberne; iso o coidamos moitísimo en todas as nosas actividades". Doutra banda, "Tras as Ameas" ofrecerá un programa de actividades multidisciplinares que se desenvolverán nos castelos de Soutomaior e Sobroso. Aínda que este último inmoble está no proceso de musealización, os espectáculos terán lugar nos espazos exteriores.  

"Música no Ar"  

 No caso de "Música no Ar", que contará con 11 espectáculos, os escenarios serán mosteiros, pazos, castelos e conxuntos patrimoniais e os protagonizarán pequenas agrupacións, a maioría de instrumentación clásica e que incorporan sons e repertorio contemporáneo e xogan ás veces co audiovisual.  

 As actuacións comezarán o 1 de xullo con Javier Otero Neira (piano e sintetizadores), e Rubén Iglesias (baixo eléctrico e sintetizadores) nos xardíns do Pazo de Oca da Estrada. Posteriormente, o venres 16 actuará Ana Belén Rodríguez Trío (Ana Belén Rodríguez, piano; Noelia Álvarez, voz, e Kiri Cabaleiro (gaita, frauta e percusión) na praza de San Fernando de Tui; o sábado 17 o fará Vertixe Sonora (Pilar Fontalba, oboe; Jesús Coello, fagot, e Rubén Coello, guitarra eléctrica)  no Espazo Cara a Ría de Pontecesures  e o día 23, Clara Pino (arpa e voz), e Pablo Vidal (contrabaixo) no exterior da igrexa de San Martiño de Berducido, en A Lama.  

 No mes de agosto, a programación chegará o día 8 á Praza Maior da Cañiza, con  Samudra Trío (Laura Lorenzo, frauta; Jimena Andión, cello, e Yamini Teresa Prabhu, piano) e o día 22, aos xardíns da praza de Fefiñáns de Cambados con Estefanía Cereijo (piano) e Esperanza Mara (soprano). E xa en setembro, as actuacións arrancan o día 5, con  Suelen Estar Quartet (Elena Vázquez, violín; María José Pámpano, viola; Macarena Montesinos, cello, e Saúl Puga, contrabaixo) no Pazo Conde de Gondomar e continuarán o día 9 con Pulso Ensemble (Sara Méndez, saxofón; Pablo Paz, batería e percusión; María Domínguez, piano e teclados, e Pedro González, violín e proxección multimedia) nos xardíns do Castelo de Soutomaior.  

 Así mesmo, a praza da Igrexa de Santo André en Hío en Cangas acollerá o venres 10 de setembro o concerto de Raíces Aéreas (Luis Martíns, arpa electrónica, e Mónica de Nut, voz), e o Mosteiro de Carboeiro de Silleda o día 11 a actuación de Brais González (piano), e Beatriz Arenas (soprano). "Música no Ar" terá o seu punto e final o día 18 con Odaiko Percusión na praia fluvial do Val en Mondariz. A información de todas as actuacións figura na web da Deputación e en todos os espazos destes concellos o acceso para os concertos será libre ata ocupar o aforo, excepto en Cambados e Gondomar, para os que se deberá reserva previa nos enderezos electrónicos  biblioteca@cambados.es  e taquilla@concellodegondomar.gal e as persoas interesadas poden facelo desde hoxe. No caso do o concerto do 9 de setembro no Castelo de Soutomaior hai que reservar praza no correo participa.cultura@depo.es e tamén está aberta inscrición.  

"Tras as Ameas"  

 Esta programación ofrecerá 12 espectáculos de todas as disciplinas artísticas nos castelos de Soutomaior e Sobroso, agrupadas en diversos ciclos: Noite nos Castelos (accións multidisciplinares nocturnas), Música con Historia (concertos de música para público familiar), Nin Príncipes nin Princesas (contacontos),  O Teatro vén de Visita (accións escénicas de rúa), Creando no Xardín (obradoiros participativos de arte), Vaia Circo este Castelo (espectáculos de circo no exterior) e Entre Muros de Maxia (maxia). As actividades arrancan este mes de xuño, o día 30, con circo, danza e acrobacias no Castelo de Soutomaior, a cargo da compañía Su.Ma e o seu espectáculo Ikigai.  

 Posteriormente, no mes de xullo terán lugar en Sobroso as actuacións de Píscore (concerto con fusión) o día 8 e a gala de circo con Culturaactiva o día 22, mentres que en Soutomaior actuarán o mago Pedro Volta (día 15) e a compañía Tilitrate co espectáculo multidisciplinar Está de grelo (día 29). Doutra banda, en agosto haberá en Soutomaior contacontos con Aldaolado o día 5  e o obradoiro familiar con Pilar Alonso o día 19, mentres que en Sobroso estará o Mago Paco o día 12 e celebraranse obradoiros para toda a familia con Taller Abierto o día 26.  Xa en setembro, haberá en Soutomaior acción escénica con Teatro Ghazafelhos, que representará A illa sen tesouro o día 1, e música con historia no espectáculo Asdomare, a cargo de Vero Rilo e Sonsoles Penadique, o día 29, mentres que en Sobroso terá lugar a sesión de contacontos con Caxoto. A trastenda dos contos o día 8. 

 Hoxe venres ábrese a inscrición para as actividades a través do formulario que as persoas interesadas poderán atopar na páxina web da Deputación de Pontevedra.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario