25 de xuño de 2021

O ROSAL

O Rosal recibe aos piragüistas olímpicos Pablo Martínez e Cayetano García de la Borbolla  

· O Concello celebrou unha recepción na que os deportistas estiveron arroupados por familiares e veciñanza

· Martínez, rosaleiro de sentimento e con raíces nas Eiras, e o seu compañeiro, competirán na categoría C2-1000 m en Tokio  


A alcaldesa do Concello do Rosal cos dous remeiros olímpicos, acompañados de familiares, veciños e veciñas de As Eiras

Fotos: C.O.R.
 

Infogauda / O Rosal

 Emotiva recepción no Concello do Rosal aos piragüistas olímpicos Pablo Martínez Estévez e Cayetano García de la Borbolla Yaque, dous deportistas moi novos que o vindeiro mes de agosto estarán competindo nos Xogos Olímpicos de Tokio na categoría C2-1000 m. Arroupados por familiares e veciños e veciñas das Eiras, de onde é orixinaria a familia de Pablo Martínez, ambos os dous deportistas foron atendidos pola alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, que lles fixo entrega dun pequeno agasallo composto por produtos locais. 

 

A alcaldesa - no centro da imaxe - cos dous remeiros, no balcón da Casa do Concello do Rosal
 

 Aínda que nado en Sevilla, Pablo Martínez é rosaleiro de sentimento e de corazón. Os seu avó paterno, David Martínez, e a súa nai, Isabel Estévez, son naturais das Eiras, a onde continúan moi ligados. Con vivenda nos Picóns de Riba, a familia de Pablo volvía sempre que podía ao Rosal. Nestas frecuentes estancias de semanas ou incluso meses na época estival, naceu unha estreita relación do piragüista con deportistas do Kayak Tudense, a onde segue acudindo a adestrar e onde conserva moitos amigos e compañeiros. Na súa vida deportiva tamén está moi ligado a Galicia, xa que participou en numerosas probas celebradas na comunidade autónoma e permaneceu concentrado nos últimos meses coa selección nacional en Castrelo de Miño. 

 "Dende o Concello desexámoslles a estes dous novos deportistas moita sorte de cara a cita olímpica e agradecemos a grande implicación e o apoio da veciños e veciñas das Eiras a estes dous piragüistas", afirmou á alcaldesa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario