O Concello pon en marcha unha decena de obradoiros de xuventude para este verán
· Dirixidos a rapaces e rapazas a partir dos 12 anos, con estes talleres búscase favorecer unha programación de lecer variada
Infogauda / O Rosal
O Concello do Rosal pón en marcha para este verán unha decena de obradoiros monográficos dirixidos a rapaces e rapazas a partir dos 12 anos. Trátanse de talleres de temática diversa cos que se busca “favorecer unha programación de lecer o máis variada posible na que se fomente a participación de toda a mocidade”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
As persoas interesadas xa poden inscribirse a través da web do Concello aos diferentes obradoiros ofertados, que terán dúas datas de peche de inscrición previa. Por un lado, os nenos e nenas poden anotarse ata o 12 de xullo aos cursos de baile moderno, piragüismo, calcenecos, bixutería de reciclaxe, creación de obxectos con papel ou o de plástico máxico. Mentres, as persoas interesadas en participar no obradoiro de estampación en tela, de transferencia de imaxes, de letras alteradas ou de álbums de recortes terán ata o 19 de xullo para a inscrición previa.
Así, no obradoiro de baile moderno as e os participantes desfrutarán da fusión de bailes urbanos con ballet clásico, danza ou jazz; no de piragüismo aprenderán todo o necesario para poder desenvolverse con soltura en augas tranquilas; no de calcenecos crearán monecos personalizados e moi variados a partir de calcetíns desemparellados ou vellos; no de bixutería reciclaranse colares, pendentes e pulseiras que xa non se empreguen, facendo novos complementos e aprendendo novas técnicas; no de ‘Dalle vida ao papel’ crearanse novos obxectos a partir de anacos de papel ou recortes e no de ‘Plástico máxico’ empregarase este novo tipo de plástico moi usado no mundo feito a man para facer pequenas pezas de bixutería.
Pola súa banda, no de estampación en tela, o alumnado poderá decorar diferentes pezas téxtiles empregando diferentes técnicas de pintura e estampado; no de transferencia de imaxes crearán unha caixa decorativa cunha foto personalizada; no de ‘Letras alteradas’ decorarán unha letra de cartón con diferentes técnicas e adornos; e no de álbum de recortes poderán coñecer un novo xeito de plasmar fotografías e recordos por medio dun proceso moi personalizado e creativo.
Na web municipal pódese atopar toda a información sobre os cursos, dende as actividades que se van a desenvolver ata data de celebración, horario, lugar e calquera outra indicación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario