18 de xuño de 2021

O BAIXO MIÑO

A Xunta de Galicia reforza a seguridade viaria e a mobilidade no Concello da Guarda coa continuación da VAP do Baixo Miño e coa mellora das estradas autonómicas  

Francisco Menéndez subliña que está en execución a obra da vía de altas prestacións entre a A-55 e o polígono de Areas, que supón un investimento da Xunta de 21,2 M€


O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia 

Foto: X.G.

Destaca que a Consellería de Infraestruturas está traballando na tramitación nos proxectos do resto dos treitos procurando un trazado da VAP con maior funcionalidade  

Salienta que o treito entre Goián e A Guarda xa está á disposición dos veciños, grazas a un investimento autonómico de case 60 M€  

A Xunta investiu 425.000 euros na mellora de firme nas estradas PO-352 e PO-552, incluíndo a travesía da Guarda, e este ano renovará o pavimento do carril bici entre Baiona e A Guarda  

Lembra que o novo acceso sur ao porto é unha actuación urbana que deben executar o Concello ou a Deputación de Pontevedra, titular da rúa que se remodelou


Infogauda / O Baixo Miño 

  A Xunta traballa no reforzo da seguridade viaria e a mobilidade no concello da Guarda e na súa contorna co impulso da continuación da VAP do Baixo Miño de obras de conservación das estradas autonómicas.

 O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia, onde destacou a aposta realizada pola Xunta en materia de estradas na comarca e no concello da Guarda.

 Subliñou que actualmente está en execución a obra da VAP Tui- A Guarda, no treito entre o enlace coa A-55 e o polígono de Areas, cun investimento da Xunta de 21,2 millóns de euros.

 Concretou que a Consellería de Infraestruturas segue traballando na tramitación dos proxectos para a continuación da vía de altas prestacións, desenvolvendo unha alternativa de trazado máis viable desde o punto de vista ambiental e económico, e con maior funcionalidade.

 Lembrou que estes avances se suman ao treito entre Goián e A Guarda, que xa está á disposición dos veciños tras un investimento autonómico de case 60 millóns de euros.

 Ademais, o director fixo fincapé nas actuacións executadas e programadas no eido de mellora de seguridade nas vías autonómicas nesta zona. Así, puntualizou que nos últimos anos, a Xunta investiu máis de 425.000 euros en actuacións de reforzos de firme nas estradas PO-352 e PO-552, incluíndo a travesía da Guarda.

 Adiantou que este ano se continuará rehabilitando a capa de rodadura das vías autonómicas nesta área, polo que se procederá á renovación do pavimento do carril bici do treito entre Baiona e A Guarda, cun orzamento previsto de máis de 168.000 euros. 

 Co obxectivo de favorecer a mobilidade sustentable e incrementar a seguridade dos usuarios vulnerables das estradas, os peóns e os ciclistas, a Xunta tamén está a redactar o Plan de Sendas do Baixo Miño.

 Francisco Menéndez recordou que a nova vía de acceso sur ao porto é de unha actuación urbana, polo que debe desenvolvela o Concello ou a Deputación de Pontevedra, na súa competencia de cooperación municipal e como administración titular da rúa que se remodelou.

 Explicou que se trata dunha actuación que encaixaría nos obxectivos da Unión Europea para o programa Next Generation de fondos europeos en materia de mobilidade, pero os criterios de distribución deses fondos establecidos polo Goberno de España exclúen practicamente todo o territorio galego, e non permiten que actuacións en concellos pequenos, como o da Guarda, opten a eles.

Ningún comentario:

Publicar un comentario