18 de xuño de 2021

A GUARDA

A XUNTA DE GALICIA REXEITA EXECUTAR O ACCESO SUR AO PORTO DA GUARDA CANDO “É UNHA INFRAESTRUTURA FUNDAMENTAL PARA O FUTURO” DA VILA  

· Leticia Gallego, deputada do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia sinala que “ao goberno do señor Feijóo non lle importa nada a nosa terra” cando “só inviste nos concellos do PP”  


Trazado previsto polo Concello para á saída sur do porto da Guarda
Fonte: C.A.G.

Infogauda / A Guarda 

 Na mañá deste venres día 18 de xuño de 2021, tivo lugar no pazo do Parlamento galego, unha sesión da Comisión 2ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, en cuxa orde do día, figuraba, en primeiro lugar unha iniciativa, na modalidade de pregunta, presentada polo Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia cuxo enunciado é o seguinte: "Sobre as previsións da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade respecto da construción, na XI lexislatura, da vía do acceso sur ao porto da Guarda.

Publicación da iniciativa, BOPG n.º 119, do 05.04.2021".

 Con posterioridade a celebración da devandita Comisión a deputada Leticia Gallego Sanromán, do Grupo Parlamentario dos Socialistas no Parlamento de Galicia, censura que a Xunta rexeite executar o acceso sur ao porto da Guarda cando “é unha infraestrutura fundamental para o futuro” da vila. Fíxoo, hoxe, logo de que a Dirección Xeral se posicionase ao respecto ante unha pregunta do Grupo Socialista na devandita Comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, do Parlamento. 


O alcalde Antonio Lomba Baz - no centro da imaxe - coa deputada Leticia Gallego Sanromán e membros do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de A Guarda
 

 “Que non se realice este proxecto a quen prexudica é principalmente aos mariñeiros, as redeiras  e a veciñanza da Guarda”, sentenciou a deputada socialista, quen cualificou de “agravio” con respecto a outros concellos nos que si se están facendo novas infraestruturas. “Pedimos igualdade e equidade para todos os concellos de Galicia, independentemente da cor política do seu alcalde ou alcaldesa”.  

 Así, “con esta nula política en investimento en obra pública normal que non se realicen as centos de infraestruturas pendentes nos concellos galegos”, lamentou a dirixente socialista, quen sinalou que “esta é gran política que fai o goberno de Feijóo en Galicia” cando “non lle importa a nosa terra nada”, xa que “só se inviste nos concellos do PP”.  

 Por iso, reclamou a realización de proxectos de infraestruturas “para todos os concellos”, logo de coñecer que a Axencia Galega de Infraestruturas investiu 8,4 millóns de euros en concellos do Partido Popular, fronte a 280.000 euros dedicados a concellos dirixidos por rexedores ou rexedoras do PSdeG. “Isto é unha discriminación que afecta a moitísimos concellos da nosa terra e é unha vergoña”, censurou.  

 No caso específico da Guarda, a deputada socialista alertou de que o seu porto pesqueiro “carece dunha vía de comunicación aceptable coa estrada PO-552” que é a vía de entrada e saída á localidade, “o que dificulta moito o tráfico de vehículos, especialmente os pesados”.  

 Por último, Leticia Gallego urxiu a que esta infraestrutura se financie “dende diferentes administracións”, xa que o Concello de A Guarda “por si só non pode capitalizar a obra”, polo que debería ser “unha administración supramunicipal, como a Xunta de Galicia, a que o faga”, xa que segundo afirmou a deputada do PSdeG-PSOE “o orzamento medio total acadaría, de forma aproximada, os 2,4 millóns de euros, un custe que se agarda sexa asumido conxuntamente”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario