O Concello de A Guarda realiza melloras en diversos camiños do rural
• O Concello continúa coa mellora da seguridade vial a través do re-asfaltado e mellora de diversos camiños rurais na vila
Infogauda / A Guarda
O equipo de goberno local vén de facer público que "dende a Concellería de Vías e Obras do Concello de A Guarda estase a levar a cabo diversas obras de mellora do firme en distintos camiños de barrios do rural guardés.
Destacan as intervencións na Costa dos Soldados, Camiño do Campamento e Camiño do Sollás, en Camposancos; o asfaltado do camiño central de Salcidos e o do 1º Transversal Coruto Vello, así como o Camiño de Netos, Laxes, Barreira e Castiñeira, no barrio de Cividáns".
Asemade, tamén se indicou que "dentro das actuacións previstas tamén se contempla a renovación do pavimento na rúa Julia Vaquero e na praza de San Bieito (que xa foi executada), así como a rúa do Muniño, na Gándara".
No caso da renovación do firme en Costa dos Soldados, a capa de rodadura existente atopábase xa moi deteriorada, polo que se realizou a súa reposición por unha nova, enlazando coas obras realizadas o ano pasado de mellora de accesibilidade á praia do Forte (Camposancos).
"O Concello de A Guarda continúa deste xeito coa mellora da seguridade vial nos camiños rurais que vertebran as distintas parroquias do concello, garantindo un espazo que reúna as condicións máis axeitadas para o tránsito de vehículos e peóns e os accesos ás vivendas", indican desde o equipo de goberno local.
Estes traballos contan cun presuposto de preto de 170.000 euros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario