7 de xuño de 2021

A GUARDA

Aberto o prazo para solicitar as axudas para actividades económicas que se leven a cabo no Concello da Guarda 

· E que se viran afectadas pola Orde de 26 de xaneiro de 2021 


A Corporación Municipal do Concello de A Guarda, no pleno onde foi aprobada á proposta da Alcaldía
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda   

   O equipo de goberno local vén de facer público que "xa está aberto desde este mesmo luns día 7 de xuño de 2021, o prazo para solicitar as axudas para actividades económicas que se leven a cabo no Concello da Guarda que se viran afectadas pola Orde de 26 de xaneiro de 2021"pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

 Trala proposta de Alcaldía e a aprobación en pleno desta medida, xa se poden solicitar estas axudas que chegarán a ser de ata un máximo de 700 euros por negocio, en función da contía xustificada.   

 Desde o Concello indican que "o obxecto destas axudas é paliar o impacto económico que sufriron aquelas empresas ou autónomos que tiveron que cesar a súa actividade como consecuencia da Orde de 26 de xaneiro de 2021".  

 Poderán solicitar estas axudas, sempre que cumpran os requisitos especificados nas bases, aquelas persoas físicas ou xurídicas, así como as comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades económicas sen personalidade xurídica legalmente constituídas que leven a cabo actividades empresariais que foron afectadas polos efectos da devandita Orde de 26 de xaneiro de 2021.   

 Os gastos que poderán ser compensados a través destas axudas incluirán servizos de asesoría ou xestoría, gastos de arrendamento de bens inmobles, de electricidade, de comunicacións, pólizas de seguros ou cotas de autónomos e Seguridade Social. Poderán xustificarse todos aqueles que se teñan realizado entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 25 de xuño, data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.   

 Nas próximas semanas o Concello ten previsión de publicar as bases doutra liña de axudas, nas que os beneficiarios serán tamén os negocios locais, a través das que se podan cubrir gastos realizados en material de protección fronte á COVID-19, así como outras inversións dirixidas a adaptar ou desenvolver o negocio dentro da situación de pandemia.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario