O concello de A Guarda licita as obras de reforma e adecuación das dependencias da policía local
· O orzamento desta licitación é de 47.004,94 euros, máis IVE
· O prazo de execución das obras é de 45 días hábiles
Infogauda / A Guarda
O equipo de goberno municipal que preside o alcalde Antonio Lomba Baz fixo público no día de hoxe que "o Concello da Guarda vén de recibir a aceptación, por parte da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia, dunha axuda por importe de 39.813,19 euros para a reforma e adecuación á norma das dependencias da Policía Local.
Producirase a execución simultánea das obras en convivencia co uso alternativo das instalacións e das distintas dependencias que iran renovándose alternativamente conforme a o plan deseñado para permitir o mantemento da actividade policial, cas menores inxerencias posibles, tanto para traballadores coma para os cidadáns".
Desde o executivo local indican que "con esta reforma nas dependencias preténdese, a maiores da renovación das mesmas, mellorar a zona de atención o público, cun espazo para oficinas e outro para sala de xuntas que, xunto cos vestiarios, conforman unhas instalacións desta categoría.
En total preténdese ampliar as infraestruturas existentes ata os 183m2, con dúas oficinas, vestiarios diferenciados para homes e mulleres, almacén e sala de xuntas, empregando parte das vellas instalacións de Servizos Sociais".
Para o alcalde de A Guarda, "esta é unha actuación moi importante, posto que vén a mellorar as condicións de traballo dos membros da Policía Local, nunhas instalacións que precisaban unha urxente rehabilitación e adaptación aos tempos que corren, o que permitirá prestar un mellor servizo a toda a cidadanía guardesa".
O orzamento desta licitación é de 47.004,94 € sen IVE (o orzamento con IVE é de 56.875.98 €). O prazo de execución das obras é de 45 días hábiles. Os pregos administrativos que rexen esta licitación así como o proxecto están a disposición dos interesados no Perfil do contratante da Sede Electrónica do Concello de A Guarda e na Plataforma de Contratación do Sector Público.
Finalmente, o prazo para a presentación de ofertas remata o vindeiro día 25 de xuño.

Ningún comentario:
Publicar un comentario