5 de xuño de 2021

A GUARDA

Concello e comisión das Festas do Monte Santa Trega reuníronse cos representantes das Bandas Mariñeiras 

· O desfile tradicional do sábado e a romería do do "Domingo do Monte" quedan en suspenso


O alcalde do Concello de A Guarda, na súa intervención na reunión con membros da comisión de festas do Monte Santa Trega e representantes das Bandas Mariñeiras

Foto: C.A.G.



 Infogauda / A Guarda

 O pasado xoves, 3 de xuño, reuníronse no salón de plenos do concello da Guarda, o alcalde, a concelleira de Cultura, o concelleiro de festas e festexos populares, representantes da comisión das Festas do Monte Santa Trega e representantes das Bandas Mariñeiras.  

 Segundo fixo público no día de hoxe o equipo de goberno municipal "o obxecto da reunión era o de informar das conclusións das distintas reunións mantidas entre responsables municipais e a comisión de festas e valorar a opinión das bandas sobre as celebracións do sábado e domingo do Monte. Hai que ter en conta que as bandas representan directamente a máis de 2.500 participantes directos no desfile e na romería e que, na actualidade, son a cara máis visible da festa". 

 O alcalde Antonio Lomba Baz tomou a palabra para trasladarlle aos asistentes "a dificultade de facer unha programación da festa a dous meses vista tendo en conta os cambios que se producen cada poucos días na situación sanitaria e as continuas modificacións da Xunta nas autorización de eventos,  medidas de seguridade e prevención". Asemade, Antonio Lomba informou "da decisión de non celebrar a tradicional tirada de fogos así como de realizar durante toda a semana eventos adaptados a situación sanitaria do momento". 

 Dese xeito, e sempre segundo comunicou o executivo local "a previsión nun principio é de ter polas mañás os clasicos pasacalles por todos os barrios e parroquias da localidade, organizar eventos deportivos e culturais polas tardes, e animación musical polas noites con pequenos grupos deslocalizados por distintas prazas para tentar, na medida do posible, dispersar e non centralizar a veciños e visitantes en lugares concretos". 

 En canto a celebración do desfile do sábado e romería do domingo "os representantes das Bandas Mariñeiras presentes nesta reunión foron moi conscientes da actual situación e de que é moi complicado garantir as medidas sanitarias e a seguridade nestes tempos de pandemia". Nesa liña, e "dado que resulta imposible dar seguridade sanitaria aos participantes e público que asiste ao desfile do sábado así como as trouladas que participan na romería do domingo, tomouse a decisión de deixar en suspenso as actividades destes dous días".  

 En calquer caso, a comisión de festas comezará a traballar dende o luns 7 de xuño nas colaboracións de publicidade do libro-programa das Festas do Monte Santa Trega para tentar publicalo a maior brevedade posible. 

 Asimesmo "o concello ofrece a súa colaboración a comisión para a organización dos eventos, tendo en conta, sobre todo, o pouco tempo dispoñible e a dificultade de organizalos nunha situación sanitaria tan cambiante".

Ningún comentario:

Publicar un comentario