11 de xuño de 2021

A GUARDA

A RESPECTO DAS DECLARACIÓNS DO CONSELLEIRO DE SANIDADE SOBRE O CENTRO DE SAÚDE DA GUARDA 


Centro de Saúde de A Guarda
Foto: Infogauda

 A CIG-Saúde de Vigo, ante as declaracións do conselleiro de Sanidade sobre a situación do centro de saúde da Guarda, manifesta: 

 1. As condicións dos contratos de continuidade ofertados pola Consellaría non son como as dos que se fan para traballar nun centro de saúde, están asociados a unha zona de traballo, nun ou máis concellos, e con gardas obrigatorias ligadas a este contrato. Este contrato foi rexeitado polo colectivo das Especialistas en Medicina de Familia e Comunitaria desde a súa creación, pois empeora as condicións de traballo e provoca falta de continuidade asistencial. Co contrato que se oferta podes estar en varios centros e atendendo distintos cupos cada 15 días, non hai vínculo a un centro e cupo concreto. Ademais este tipo de contrato abre a porta á creación de postos de traballo con esta modalidade de non estar vinculado a un centro e cupo. 

 2. A contía económica que percibe un médico/a recén incorporado/a por realizar a súa xornada ordinaria pódese consultar na Orde de Confección de nóminas: Orde do 8 de febreiro de 2021, publicada no DOG do 15 de febreiro de 2021, e está en torno aos 42.000€ brutos, con 14 pagas. 

 3. O feito de que o centro de saúde da Guarda sexa definido polo propio conselleiro Julio Comesaña como “destino pouco valorado” ven dado polas condicións de traballo que se arrastran desde hai anos na Atención Primaria, e que empeoraron durante a pandemia. Esta precariedade nas condicións acentúase aínda máis en centros de ámbito máis rural. 

 4. No caso concreto da Guarda partiamos dunhas condicións nas que se viña reclamando a falta de cobertura de persoal nos períodos de permisos e de vacacións e o segundo equipo no PAC. A dispersión xeográfica, a longa distancia ao hospital de referencia que obriga a ausentarse do centro en torno a 2 horas, tendo que retomar de novo a consulta á volta, e a carga existente hai dous anos xustificaban e xustifican estas demandas.  

 5. Á situación inherente ao propio centro hai que sumarlle a falta de cobertura estrutural que se ven arrastrando desde algo máis dun ano, onde existen cupos que levan sen unha continuidade na atención durante este período. Esta situación, e a do propio centro, condicionan a incorporación de novo persoal ao centro. Isto tamén fai que os propios médicos/as do centro condicionen a súa permanencia a que se cubran as ausencias. 

 6. A falta de profesionais médicos fai que, podendo elixir, se decanten por ámbitos de menos penosidade, ben en urxencias de hospital ou en outros ámbitos da atención primaria. Proba disto é o éxodo este ano de MIR formados na Área de Vigo. Sería polo tanto necesario incentivar o traballo nos ámbitos máis penosos. 

 7. Celebramos a contratación realizada para este centro, na que se prevé a incorporación de 3 facultativos nos vindeiros días, mais tamén sendo conscientes de que non supón o 100% dos efectivos e que as presenzas vanse ver condicionadas polos permisos de vacacións. 

 8. No período de verán a poboación na Guarda vese aumentada de forma importante, este ano aínda non coñecemos se van reforzar con enfermaría como se viña facendo os últimos anos e seguiremos cun único equipo no PAC asumindo o aumento de demanda e quedando sen asistencia a zona en caso de traslado ao centro hospitalario.

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario